Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

O conservatorio de Noia, referente na formación musical, recibe apoio da Deputación

O ente provincial aportará 25.000 euros para garantir o seu funcionamento

Yoya Neira e Fran Pérez, á dereita, no conservatorio de música de Noia.

Yoya Neira e Fran Pérez, á dereita, no conservatorio de música de Noia. / D. C.

Noia

A Deputación da Coruña vén de conceder ao Concello de Noia unha subvención de 25.000 euros para o funcionamento do seu conservatorio, no marco do programa de subvencións que este ano destina preto de medio millón de euros ao mantemento de 31 centros de formación musical e de danza na provincia.

Así o confirmou a deputada provincial de Educación e Mocidade, Yoya Neira, durante a visita ao conservatorio municipal de Noia, onde estivo acompañada polo alcalde, Fran Pérez.

Formación da mocidade

Yoya Neira destacou a importancia destas axudas para garantir o acceso á formación musical en todo o territorio. "Escolas e conservatorios como o de Noia fan un traballo fundamental na formación da mocidade, e desde a Deputación queremos seguir apoiando ese labor, garantindo que existan oportunidades de acceso á formación musical tamén fóra das grandes cidades", afirmou, poñendo en valor o esforzo dos concellos por manter estes servizos.

Pola súa banda, o alcalde, Fran Pérez, agradeceu o apoio da Deputación e destacou que esta achega "permite garantir o funcionamento dun servizo moi importante para o municipio e moi querido pola veciñanza".

Referente na comarca

O conservatorio municipal de Noia conta cunha ampla oferta formativa que inclúe disciplinas como trompeta, bombardino, tuba, trombón, saxofón, frauta, clarinete, violín, viola, violonchelo, guitarra e piano, que o sitúan como un referente na formación musical da comarca.

O conservatorio noiés conta con 9 profesores e 126 alumnos.

O conservatorio noiés conta con 9 profesores e 126 alumnos. / D. C.

O centro dispón dun plantel de 9 profesores e atende a un total de 126 alumnos e alumnas, cun volume de 225 horas semanais de clase, o que evidencia a súa intensa actividade docente e o seu papel fundamental na dinamización cultural do municipio.

A través desta liña de axudas, a Deputación da Coruña destina este ano 473.750 euros ao mantemento de conservatorios, escolas municipais de música e escolas de danza, co obxectivo de apoiar o seu funcionamento ordinario e garantir a continuidade da formación artística en toda a provincia.

Tracking Pixel Contents