Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O barítono lírico Borja Quiza renderá homenaxe a Frank Sinatra cun concerto en Ribeira

A cita será o 24 de abril ás oito da tarde no auditorio municipal

Borja Quiza e Ana Barreiro, na presentación do concerto.

Borja Quiza e Ana Barreiro, na presentación do concerto. / Cedida

Ribeira

O auditorio de Ribeira acollerá o 24 de abril a partir das oito da tarde o concerto de homenaxe a Frank Sinatra titulado As time goes by. Temas míticos como New York, New York ou Blue moon soarán na voz de Borja Quiza, con Fernando Briones ao piano, Juan Cañada ao contrabaixo e Miguel González ao saxofón.

A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, sinalou que "chega ao buque insignia da cultura ribeirense un evento que pretende divulgar o patrimonio cultural e musical da canción americana do século XX e a súa transcendencia na cultura popular".

Neste senso tamén se pronunciou o barítono lírico Borja Quiza, que actuará por primeira vez en Ribeira. "Esta é unha homenaxe a Sinatra e outros artistas de música melódica do século XX", dixo o artista galego.

A venda das entradas comeza este venres 27 de marzo, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente a través da páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo é de 25 euros, máis gastos de xestión.

Tracking Pixel Contents