Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pepucha, Pura e Hortensia: as lavandeiras de Aguiño volven ao seu punto de encontro

As tres veciñas foron as protagonistas do acto inaugural tras a rehabilitación do lavadoiro de Penisqueira

Pacucha Ayaso, Pura Fernández e Hortensia González cos edís Vicente Mariño e, Juana Brión, a alcaldesa, María Sampedro, e o edil Fernando Abraldes.

Pacucha Ayaso, Pura Fernández e Hortensia González cos edís Vicente Mariño e, Juana Brión, a alcaldesa, María Sampedro, e o edil Fernando Abraldes. / Cedida

Ribeira

O lavadoiro de Penisqueira (Ribeira) loce un renovado aspecto tras a restauración e posta en valor deste ben patrimonial por parte do Concello. O proxecto supuxo un investimento de 48.198 euros para a rehabilitación deste espazo nunha contorna cunhas vistas privilexiadas á bocana da ría de Arousa e cun significado moito máis alá de ser un lugar para lavar a roupa: era un punto de encontro onde as mulleres facían comunidade.

Imaxe do lavadoiro de Penisqueira tras a súa posta en valor.

Imaxe do lavadoiro de Penisqueira tras a súa posta en valor. / Cedida

Por este motivo, o Concello organizou un acto inaugural tras as obras coas lavandeiras como protagonistas; varias veciñas da parroquia de Aguiño (Pepucha Ayaso, de 86 anos; Pura Fernández, de 82; e Hortensia González, de 88) ofreceron as súas testemuñas de como era a vida antano ao redor dos ríos, así como algunhas das anécdotas que viviron.

"Este é un espazo que vai moito máis alá de ser un recurso turístico situado na parroquia de Aguiño; é parte da nosa historia, onde conflúen a auga doce e a auga salgada. Aquí reuníanse as nosas

nais e as nosas avoas. Lavaban a roupa, pero tamén cantaban, charlaban, narraban contos... Dalgún xeito, hoxe escenificamos aquí aqueles tempos", manifestou a alcaldesa, María Sampedro.

Tampouco faltou a música, coa actuación das cantareiras As Sete Linguas, da Asociación Francisco Lorenzo Mariño.

Esta actuación supuxo a roza da vexetación da contorna, a renovación do conxunto de canalizacións que subministran auga á instalación, o repicado dos muros de cachotaría de granito, a formación de fondo do lavadoiro e estanque con morteiro de cal hidrófugo, e o acondicionamento manual das pezas deterioradas e disgregadas pola erosión.

A maiores, executouse unha zona de miradoiro mediante unha pequena grada de pedra, e habilitouse un sendeiro con pavimento de pezas de granito coa finalidade de conectar o lavadoiro co camiño público lindeiro.

Tracking Pixel Contents