Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O pleno aproba a gratuidade do servizo Concilia Lousame

A Corporación acordou a supresión do prezo público e a derogación da ordenanza reguladora pola prestación dos servizos extraescolares para conciliación

A Corporación aprobou por unanimidade a gratuidade do servizo Concilia Lousame.

A Corporación aprobou por unanimidade a gratuidade do servizo Concilia Lousame. / Cedida

Lousame

A Corporación municipal de Lousame aprobou por unanimidade a supresión do prezo público e a derogación da ordenanza reguladora pola prestación dos servizos extraescolares para conciliación da vida laboral e familiar.

A medida suporá a gratuidade do servizo Lousame Concilia, de atención e coidado de menores no horario anterior ao inicio da xornada lectiva (de 07.30 a 09.00 horas) e tamén durante os meses de xullo e agosto en horario matinal (de 09.00 a 14.00 horas).

Trátase dun servizo dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e que se desenvolve nas instalacións do CPI Cernadas de Castro. “É unha aposta por facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias de Lousame mediante a prestación dun servizo de atención e coidado dos menores en períodos que faciliten a conciliación entre os horarios laborais e persoais das familias cos períodos lectivos dos menores”, dixo o alcalde, Esteban Ares. Un servizo que pode ser solicitado nos Servizos Sociais do Concello chamando ao 981 820 494 ou ao 689 126 385.

Matrona

Así mesmo, o pleno aprobou unha moción conxunta para instar á Xunta de Galicia a cubrir o servizo de matrona a tempo completo no centro de saúde de Lousame. Unha moción presentada inicialmente polo PSOE e que foi emendada polo PP antes de ser aprobada como moción conxunta dos tres grupos políticos municipais.

Nela explícase que a matrona de Lousame só presta servizo presencial no centro lousamiá unha vez por semana, os martes, mentres que o resto de días atende vía telefónica.

A Corporación municipal considera que agora que o Concello puxo en marcha un programa de fomento da natalidade e de promoción da lactancia materna, estes serían insuficientes sen este servizo básico de matrona.

Na sesión aprobáronse tamén dúas modificacións de crédito, cos seus correspondentes recoñecementos extraxudiciais de crédito. O primeiro deles, aprobado por unanimidade, foi de 92.900 euros para o pago da cota da Mancomunidade Serra do Barbanza do cuarto trimestre de 2025. O segundo deles, aprobado cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención do BNG, foi de 184.731 euros para o pago de facturas correspondentes a 2025 e que foron presentadas en 2026. Dúas modificacións con cargo ao remanente de Tesourería para gastos xerais.

Tracking Pixel Contents