Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Outes sitúase á vangarda da restauración ecolóxica con base científica e participación social

O acordo de custodia fluvial formaliza un compromiso pioneiro para garantir a conservación, seguimento e posta en valor do río Tins

Pola esquerda, Francisco Calo, Inês Gusman e Joám Evans.

Pola esquerda, Francisco Calo, Inês Gusman e Joám Evans. / Cedida

Outes

O auditorio da casa da cultura de Outes acolleu este venres o acto de presentación do balance do proxecto Renatur_Outes, unha xornada que reuniu representantes institucionais, persoal técnico, comunidade científica e veciñanza nun ambiente de participación e recoñecemento ao traballo compartido durante tres anos.

No acto institucional participaron o alcalde, Francisco Calo; Inês Gusman, directora da Fundación CEER; e Joám Evans, director da Fundación Montescola, xunto con representantes da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, e os investigadores das universidades da Coruña, Santiago e Vigo que participaron no proxecto.

A sinatura do acordo de custodia fluvial marcou o momento central da xornada. Fundación CEER, como organismo representativo das universidades públicas galegas e do norte de Portugal, Concello de Outes e Fundación Montescola formalizaron un compromiso que establece un marco de colaboración para a conservación, restauración, seguimento e posta en valor do río Tins con perspectiva de futuro.

O acordo recolle liñas de traballo centradas na conservación do ecosistema, na continuidade das accións educativas cos cativos, na dinamización da participación social e na coordinación entre entidades.

A proposta busca manter o interese polo río e asegurar o cumprimento da Declaración de dereitos do río Tins, un fito histórico e pioneiro, que converteu o Tins no primeiro río de España con dereitos recoñecidos.

Desde a Fundación CEER, a súa directora, Inês Gusman, destacou o alcance deste paso: “Falamos dun compromiso que conecta coñecemento, territorio e comunidade para que o río siga sendo un espazo vivo no tempo. A sinatura deste acordo de custodia marca un punto e seguido que permitirá seguir coidando o río Tins desde un enfoque compartido”, dixo.

Do roteiro ao bosque comestible

A xornada incluíu tamén varias accións no propio terreo fluvial. As persoas asistentes participaron nun pequeno roteiro pola ribeira do río, que permitiu coñecer de primeira man as intervencións realizadas e inaugurar os novos paneis divulgativos, deseñados para explicar o valor ecolóxico do río e as actuacións levadas a cabo, facilitando a comprensión do espazo tanto para a veciñanza como para quen o visita.

Outro dos puntos destacados foi a posta en marcha do bosque comestible, unha iniciativa que xurde da petición da propia cidadanía e que combina biodiversidade e uso social, incorporando especies autóctonas que contribúen á recuperación ecolóxica do espazo.

Tres anos de transformación

Renatur_Outes naceu co propósito de recuperar o tramo urbano do río Tins ao seu paso por Outes, devolvéndolle espazo, diversidade e continuidade ecolóxica. Para iso actuouse sobre o bosque de ribeira, reforzando a presenza de especies autóctonas e retirando vexetación invasora.

As intervencións permitiron restaurar máis de 20.000 metros cadrados de áreas verdes, recuperar dous quilómetros de cauce, limpar máis de 4 quilómetros de río, xerar 300 metros cadrados de illas de biodiversidade e mellorar a conectividade ecolóxica. O resultado tradúcese nun entorno máis equilibrado e integrado no día a día do municipio.

A implicación social marcou o desenvolvemento do proxecto desde o inicio. Centos de persoas participaron en actividades de voluntariado, espazos de gobernanza e accións colectivas arredor do río.

A dimensión educativa mantivo un papel central, con actividades dirixidas á infancia para fomentar o coñecemento e o coidado do entorno. Esta liña continuará agora a través do acordo de custodia, reforzando a relación co medio desde idades temperás.

Un referente que segue en movemento

O río Tins consolídase como exemplo galego de restauración ambiental e como referencia dun modelo baseado na cooperación entre entidades, administración e sociedade. A sinatura deste acordo de custodia consolidará o vínculo entre o río e a veciñanza de Outes de maneira sostida no tempo.

Renatur_Outes é froito da colaboración entre o ámbito universitario (Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade da Coruña), o Concello de Outes e as fundacións CEER e Montescola.

O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea con fondos Next GenerationEU.

Tracking Pixel Contents