Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Noia licita o Servizo de Axuda no Fogar por 1,8 millóns de euros

O Goberno local prevé aumentalo en 1.800 horas adicionais e estudará a súa municipalización

O tenente de alcalde de Noia, Manuel Seijas.

O tenente de alcalde de Noia, Manuel Seijas. / Cedida

Noia

O Goberno municipal de Noia vén de sacar a licitación o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), aprobada na sesión plenaria celebrada o xoves 26 de maio, cun orzamento de 1,8 millóns de euros. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable por un ano máis.

O tenente de alcalde, Manolo Seijas, explicou que este proceso chega tras un período de sete meses de traballo desde a entrada do actual Goberno municipal. Neste sentido, lembrou que en agosto, cando PSOE e Marea Cidadá accederon ao Executivo (ao que logo se uniría o edil Luís Alamancos) o contrato atopábase xa caducado.

“Fixemos todo o posible para que haxa un bo prego”, sinalou Seijas, quen tamén destacou que "o Concello cumpriu co compromiso adquirido coas traballadoras do servizo, garantindo estabilidade e continuidade".

Pola súa banda, a concelleira Sandra González anunciou que durante este ano incrementarase o SAF en 1.800 horas adicionais, o que permitirá atender máis persoas en situación de dependencia.

González dixo que se trata dun servizo esencial e necesario para a cidadanía, especialmente para as persoas máis vulnerables, e reafirmou o compromiso do Goberno local coa súa mellora continua. Ademais, avanzou que antes de que remate o mandato se realizará un estudo para avaliar a posible municipalización do servizo.

Tracking Pixel Contents