Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSOE de Ribeira teme unha indemnización "millonaria" polo desmantelamento da gasolineira de Xarás

A formación cre que, tras a anulación xudicial da licenza, a "factura" podería comprometer importantes investimentos

Antiga gasolineira de Xarás, que estes días está sendo desmantelada por mandato xudicial.

Antiga gasolineira de Xarás, que estes días está sendo desmantelada por mandato xudicial. / Suso Souto

Ribeira

O PSOE de Ribeira levará ao vindeiro pleno municipal dúas preguntas sobre dous asuntos “que poden ter consecuencias moi graves para o municipio”. 

A primeira refírese ao caso da antiga gasolineira low cost de Xarás (que está sendo desmantelada en cumprimento dunda sentenza xudicial) e ao posible custo económico que pode acabar recaendo sobre as arcas municipais. A segunda céntrase "no risco de comprometer a xustificación dos 2 millóns de euros do Plan de Sostibilidade Turística por incumprir as obrigas de visibilidade da financiación europea".  

No caso da gasolineira, os socialistas poñen o foco en “canto lle pode custar isto a Ribeira”. Despois de que o Concello autorizase a instalación dúas veces e de que os tribunais anulasen tamén dúas veces esas licenzas, o PSOE pregunta se o Goberno local ten feita unha estimación económica "seria, actualizada e completa da posible indemnización", cal sería a contía e como pensa afrontala. 

Para os socialistas “o problema xa non é só xurídico; é tamén económico e social, porque esa posible factura pode ser millonaria e acabar condicionando investimentos importantes para Ribeira como o futuro polígono industrial ou a EDIL de Bandourrio”.  

A formación entende que “a veciñanza ten dereito a saber se a mala xestión do PP vai rematar custándolle cartos a todo o municipio”. “O que preguntamos é moi claro: canto pode pagar Ribeira por este desastre e de onde vai saír ese diñeiro, porque ao final, cando un goberno actúa tan mal, quen acaba pagando é toda a cidadanía”, sinalou o portavoz socialista, Francisco Suárez-Puerta.  

A segunda pregunta refírese ao PSTD e ao lavadoiro de Penisqueira. O PSOE denuncia que “no cartel da inauguración, na web municipal e nas publicacións difundidas arredor desta actuación non aparece de forma visible a identificación da financiación europea, malia que esa obriga figura expresamente na documentación asinada pola propia alcaldesa”.  

Para o PSOE local, "non se trata dun detalle menor nin estético, senón dun incumprimento que pode comprometer a xustificación dos fondos e, no peor dos casos, abrir a porta á súa devolución”.  

A formación considera “especialmente grave que o Goberno local estea presentando como propias actuacións que están financiadas con fondos europeos, ocultando a súa verdadeira financiación e asumindo un risco innecesario con recursos que son fundamentais para Ribeira”.  

Suárez-Puerta advertiu finalmente que “o PP está xogando con millóns de euros que son de toda a veciñanza de Ribeira como se non lles importasen nada”. 

“Xogaron co custo millonario da gasolineira e está xogando tamén con millóns de euros de fondos europeos, e cando se actúa con esta irresponsabilidade, o que se pon en risco é o presente e o futuro de Ribeira”, conclúe. 

Tracking Pixel Contents