Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio eclesiástico, documentalismo fotográfico e espazos dixitais centran o ciclo da USC na Pobra

Vai dirixido a maiores de 50 anos e desenvolverase do 20 ao 30 de abril na biblioteca García Martí

A edil de Cultura, Patricia Lojo, esquerda, e a técnica de dito departamento, Fita Sanisidro, na presentación do programa.

A edil de Cultura, Patricia Lojo, esquerda, e a técnica de dito departamento, Fita Sanisidro, na presentación do programa. / Cedida

A Pobra

O auditorio da biblioteca municipal Victoriano García Martí da Pobra acollerá entre os días 20 e 30 de abril o cuarto ciclo do programa universitario para maiores da Universidade de Santiago de Compostela, denominado Camiños de coñecemento e experiencia.

Trátase dunha iniciativa formativa dirixida a persoas maiores de 50 anos. Desenvolverase de 16.30 a 18.00 horas e contará dun total de seis sesións centradas en distintas áreas.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, puxo en valor esta iniciativa, que permite “achegar a formación universitaria aos nosos veciños e veciñas e promover o acceso ao coñecemento e a participación social das persoas maiores”.

Ademais, subliñou “a importancia de colaborar cunha institución de referencia con máis de 500 anos de historia como o é a USC para seguir ofrecendo oportunidades formativas no noso municipio”.

O programa abordará contidos diferentes en seis sesións impartidas por especialistas vinculados á USC, como Manuel Vázquez Lijó, Katia Cino Rouco e Stefany Sanabria Fernández.

En concreto, os días 20 e 26 de abril, Vázquez Lijó impartirá o relatorio Achegas ao patrimonio eclesiástico: as ermidas na Pobra do Caramiñal (ss. XVI e XIX); o 21 e 28 de abril, será Cino Rouco quen trate o documentalismo fotográfico desde o Photo-Secession ás redes sociais; e, por último, Sanabria Fernández centrarase na creación e participación en espazos dixitais como ferramentas e como comunidades, os días 29 e 30 de abril.

A inscrición é completamente de balde e pode formalizarse na casa da cultura Raquel Fernández Soler, onde as persoas interesadas poderán recibir máis información.

Tracking Pixel Contents