Espías no bosque: sementando o futuro
Escolares de Carballo plantan carballos no patio do colexio para repoboar varias zonas
Ribeira crea un bosque comestible no parque periurbano de San Roque

Escolares de Carballo plantando carballos no patio do colexio CEIP Fogar. / Cedida
O patio do CEIP Fogar de Carballo é moito máis que un espazo de recreo. É tamén unha aula aberta de aprendizaxe e concienciación medioambiental na que os cativos participan no programa de plantación de árbores autóctonas Carballo con botas.
Da man dos seus profesores e de monitores da asociación ambiental Senda Nova, os escolares traballan arreo sementando landras dentro das instalacións do propio centro.
As nenas e nenos xa conseguiron que centos de carballos broten ledos recén comezada a primavera. Estes carballos van necesitando espazo antes do seu destino definitivo, toda vez que nas pequenas macetas onde naceron apenas teñen marxe de crecemento.
Pero para chegar ao obxectivo de repoboar un espazo como bosque autóctono, todos estes exemplares necesitan facerse maiores. Deste xeito, a través do programa Espías no bosque (financiado pola Deputación da Coruña) e nas instalacións do Espazo da natureza de Oza, estes centos de exemplares crecerán sans e cos coidados necesarios a través do agarimo das socias e socios de Senda Nova.

Unha alumna do CEIP Fogar de Carballo regando o carballo que acaba de plantar. / Cedida
Os rapaces e rapazas do primeiro ciclo de Primaria participaron nun obradoiro para aprender a facer a plantación de árbores autóctonas un ano maiores que as que plantaron eles mesmos. Precisamente este será o proceso que se realice cos seus propios carballos cando pasen ao destino definitivo.
O obradoiro incluíu tamén actividades sobre a importancia destas árbores e dos hábitats de bosque autóctono para a vida dos animais. Deste xeito, toda a rapazada de primeiro ciclo do CEIP Fogar recibiu dúas guías para saír ao bosque: unha delas para o seguimento das pegadas dos principais mamíferos autóctonos, e outra para a mellor identificación das árbores autóctonas.
E tamén en Ribeira hai un colectivo implicado nun proxecto de repoboación forestal. Trátase da asociación sociocultural e agroecolóxica Sachos á rúa que, en alianza co Concello, está creando un bosque comestible no parque periurbano de San Roque, tras a cesión dunha parcela de 2.500 metros cadrados por parte da administración local.

Pola esquerda, Ignacio Fernández, Víctor Reiriz e Manuel González, no parque periurbano de San Roque. / Cedida
Un bosque comestible é un ecosistema deseñado para imitar a estrutura e a función dun bosque natural, con diferentes especies botánicas que producen alimentos e outras materias primas.
O Concello proporcionoulle 18 árbores (6 nogueiras e 13 froiteiros variados) para plantar nese terreo, ademais de materiais necesarios para a execución do proxecto.
O concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, supervisou os primeiros traballos acompañado do técnico municipal da área, Ignacio Fernández, e do tesoureiro de Sachos á rúa, Manuel González.
Por outra banda, a brigada municipal de xardinería atópase estes días plantando diferentes especies de árbores en varias zonas verdes da cidade de Ribeira. Trátase dunha remesa de 23 árbores, entre os que se atopan plataneiros, palmitos, photinias ou laurocerasus.
Esta medida céntrase, nunha primeira fase, no paseo das Carolinas, a praza consistorial, a rúa de Galicia, a avenida da Coruña e Coroso.
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Adiós a Bruno Hache, el compostelano vinculado al sector del café que deja huella por su cercanía y vitalidad
- Santiago adjudica por más de 300.000 euros el mantenimiento del pavimento del casco histórico
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Abren las becas para educación no obligatoria de las que se benefician 54.000 gallegos: plazos, cuantía y cómo solicitarlas
- 45 años en la pista: el último titán de las discotecas rurales que resiste en Touro
- El bocadillo que triunfa en Santiago y compite por ser el mejor de España