Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Medio Rural inviste máis de 190.000 euros na construción de peches gandeiros en montes de Rianxo

As actuacións contribuén a harmonizar o aproveitamento gandeiro coa conservación forestal e a prevención de incendios forestais

Luísa Piñeiro, no centro, co alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, terceiro pola esquerda, e comuneiros de Rianxo.

Luísa Piñeiro, no centro, co alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, terceiro pola esquerda, e comuneiros de Rianxo. / Cedida

Rianxo

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, salientou este luns o investimento de máis de 190.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural para a construción de peches gandeiros en montes do concello de Rianxo.

Fíxoo na súa visita ás comunidades de montes veciñais en man común de Buío e outros e de Campelo, Vilar e Cerqueiras, onde se están a executar estas obras, as cales están a piques de rematar.

En concreto, no concello de Rianxo estanse acometendo as actuacións nestas comunidades de montes e na de Leiro, como parte dunha iniciativa para a construción de infraestruturas forestais de apoio a sistemas agroforestais en diversos montes de xestión pública de Rianxo e Lousame, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac).

Dentro do proxecto inclúese tamén unha actuación na comunidade de montes de Barreira do concello Lousame, cun investimento de máis 125.000 euros.

A instalación destes peches gandeiros forma parte dos obxectivos pastorais en montes de xestión pública para harmonizar o aproveitamento gandeiro coa conservación forestal e a prevención de incendios forestais.

Neste sentido, tamén se acometerán outras actuacións como rozas, retirada de arborado, instalación de postes e malla cinexética e a construción de obras complementarias como portas ou pasos canadenses.

Tracking Pixel Contents