Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Veciños de Boiro exercen de guías para estudantes con roteiros polas parroquias

Participantes nos talleres de memoria da Cruz Vermella comparten co alumnado de Infantil e Primaria historias, lembranzas e vivencias

Un grupo de veciños e veciñas de Boiro durante un roteiro con estudantes do municipio.

Un grupo de veciños e veciñas de Boiro durante un roteiro con estudantes do municipio. / Cedida

Boiro

O Concello de Boiro e a Cruz Vermella están a levar a cabo un proxecto interxeracional nomeado Descubrindo xuntos a nosa parroquia, no que veciños e veciñas exercen de guías para alumnos dos centros de ensino locais visitando lugares de interés patrimonial do municipio.

Este proxecto interxeracional naceu coa finalidade de fomentar o encontro entre xeracións a través do recoñecemento e transmisión do patrimonio local e inmaterial. Nas actividades participan as persoas dos talleres de memoria da Cruz Vermella que, xunto co alumnado de Infantil e Primaria dos centros, comparten a súa historia, lembranzas e vivencias.

O proxecto comezou a desenvolverse nas aulas no mes de novembro; o alumnado traballou en actividades para elaborar un mapa da memoria con lembranzas e lugares significativos, mostra de fotografías antigas, tertulias para coñecer costumes e modos de vida, etc., co obxectivo de potenciar a memoria autobiográfica e a estimulación cognitiva das persoas maiores, así como achegar aos máis pequenos a historia, tradición e cultura da súa parroquia.

As actividades continúan agora con roteiros polas distintas parroquias para continuar reforzando o intercambio de coñecementos entre xeracións e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dos distintos lugares do municipio.

Tracking Pixel Contents