Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta oficializa o novo topónimo de O Porto do Son, xunto aos doutros once concellos galegos

Recupera o artigo, ao igual que O Campo Lameiro, A Ribeira de Piquín e O Castro de Caldelas

«Preferiría que se mantivera o de sempre», di o alcalde sonense, Luís Oujo

Sinal da estrada que conecta Ribeira con O Porto do Son.

Sinal da estrada que conecta Ribeira con O Porto do Son. / Suso Souto

O Porto do Son

Doce municipios galegos cambiaron o seu nome oficial tras a revisión e actualización do Nomenclátor de Galicia que realizou a Real Academia Galega (RAG) e foi aprobada este luns polo Consello da Xunta.

O Seminario de Onomástica ditaminou modificar os nomes dunha ducia de municipios, catorce no Nomenclátor de 2003, que non contemplaba aínda a posterior fusión de Cerdedo e Cotobade e de Oza dos Ríos e Cesuras.

Para adaptarse ás normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego pasan a ser Cerdedo Cotobade e Oza Cesuras, sen guión, signo que tamén perde Mondariz Balneario. Alén destas cuestións ortográficas, o concello ourensán rexistrado ata o momento como Riós será definitivamente O Riós, en consonancia coas súas atestacións históricas e co uso que a poboación fai do artigo.

O coruñés Porto do Son incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, algo que tamén acontece con O Campo Lameiro, A Ribeira de Piquín e O Castro de Caldelas. O contrario sucede con Pastoriza, que deixa atrás o artigo; Cangas engade o apelido e pasa a ser Cangas de Morrazo; A Cañiza restitúe a forma galega tradicional documentada desde antigo, A Caniza; e Alfoz recupera o seu nome histórico, Alfoz do Castrodouro.

Os cambios de nome foron "acordados" cos correspondentes concellos, segundo informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O Goberno galego aprobou o decreto que establece o novo Nomenclátor de Galicia 2026, que "supón a modificación de 2.530 denominacións de concellos, parroquias e lugares", explicou Rueda.

Deste xeito, ratifícase a proposta presentada no mes de xullo no pleno da Comisión de Toponimia, o órgano asesor composto polo Goberno galego, a RAG, o Consello da Cultura Galega e institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Universidade de Santiago de Compostela.

Oujo: «Non sei ata que punto a xente se vai acostumar»

Sen embargo, o alcalde sonense, Luís Oujo, amósase disconforme co cambio que afecta o seu concello. «Eu preferiría que se mantivera o topónimo de sempre: Porto do Son. Consultáronnos, pero non se nos deu marxe a participar no proceso que acabou no cambio oficial. Ademais, aquí non estaba aberto un debate ao respecto», sinala. Na súa opinión, «non sei ata que punto a xente se vai acostumar».

Os cambios chegan despois dun "exhaustivo traballo", destacou Rueda, do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega para revisar e actualizar o Nomenclátor de Galicia, elaborado en 2003, que constaba de máis de 40.000 nomes de municipios, parroquias e lugares.

En concreto, a RAG analizou 4.398 topónimos, tras o que se decidiu a modificación dos nomes oficiais de 2.335 lugares, 182 parroquias e 12 concellos. Todos os novos topónimos poderán consultarse no Portal da Lingua, no da RAG e en Toponimia de Galicia.

A análise feita pola Comisión de Toponimia tamén permitiu incorporar 1.655 novos nomes con respecto ao último documento elaborado en 2003, co que agora conta cun total de 42.909 rexistrados. A Real Academia Galega celebra a aprobación do Consello da Xunta.

Segundo a Lei de Normalización Lingüística (1983), os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega e correspóndelle á Xunta de Galicia a sanción final das denominacións das entidades de poboación que propón a RAG, que respectan sempre as características dialectais de cada zona.

O novo rexistro oficial entrará así en vigor tras a publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto correspondente. O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega agarda que en diante as vindeiras actualizacións deste documento en constante revisión se vaian aprobando de maneira anual ou bienal, como sucede noutras comunidades autónomas.

Tracking Pixel Contents