A Xunta reforza o equipamento da piscina de Outes e do seu ximnasio cun investimento de 70.000 euros
Dotouse de máquinas de cardio e musculación, unha cadeira elevadora e un moderno sistema de control da temperatura da auga e do aire

Belén do Campo charlando con Francisco Calo, segundo pola dereita, no ximnasio do complexo da piscina de Outes. / Cedida
A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, visitou este martes en Outes, xunto ao alcalde, Francisco Calo, as instalacións da piscina municipal para comprobar o resultado das actuacións financiadas coa colaboración da Xunta.
Do Campo destacou que esta intervención contou cun investimento de máis de 70.000 euros, dos cales máis de 63.000 euros foron achegados pola Xunta de Galicia, o que supón ao redor do 90% do custo total.
Esta actuación foi posible grazas a un convenio que tivo por obxecto fixar as liñas de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello de Outes, permitindo renovar e modernizar diferentes elementos do complexo deportivo.
As melloras executadas incluíron un novo equipamento para o ximnasio municipal, coa incorporación de máquinas de cardio e musculación que substitúen as existentes, xa deterioradas polo paso do tempo, así como a instalación dun autómata para a xestión da maquinaria da piscina, que permitirá un control máis eficiente de parámetros como a temperatura da auga e do aire ou o funcionamento das válvulas e sistemas auxiliares.
Ademais, incorporouse unha cadeira elevadora no vaso da piscina, unha actuación fundamental para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida e facilitar o uso por parte de colectivos como o dos usuarios do centro de día de Outes.
O ximnasio municipal de Outes, aberto desde maio de 2007, presta servizo de luns a sábado durante todo o ano, agás o mes de agosto, destinado ao seu mantemento, e forma parte dun complexo deportivo que integra distintas salas de actividades, zona de mantemento, espazo de ximnasio e a propia piscina, rexistrando unha media diaria duns 300 usuarios.
Así mesmo, estas instalacións son empregadas por centros educativos como o CEIP e o IES Francisco Añón de Outes, ademais de contar con convenios con diversas entidades deportivas e sociais, entre elas un equipo de tríatlon e o centro de día, o que pon de manifesto o seu papel como espazo de referencia para a práctica deportiva, a educación e a inclusión social no municipio.
A delegada territorial dixo que "a colaboración da Xunta neste investimento responde ao compromiso co fomento do deporte e da saúde como eixos fundamentais de actuación", e destacou a adhesión do Concello de Outes ao programa Adestra a túa saúde, unha iniciativa destinada a mellorar o benestar dos maiores, promovendo a actividade física axustada a cada persoa e facilitando o seu seguimento por médicos e especialistas.
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- No ganó, pero esta casa de Santiago se ha colado entre las nominadas a mejor obra del año
- La joven de Santiago que inmortaliza recuerdos en resina: 'Hay encargos que empiezas con lágrimas
- El paseo de pasarelas junto al mar más bonito de Galicia está a una hora de Santiago: 'Solo escuchas las olas
- Sociólogos alertan: «El casco viejo de Santiago corre el riesgo de convertirse en un parque temático»
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Falece na entrada de Santiago un peregrino por un paro cardíaco