Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Amicos leva rúa a rúa a súa campaña sobre o autismo

Baixo o lema Rede que inclúe permitiu xa repartir máis de 3.000 bolsas en distintos municipios do Barbanza

Usuarios de Amicos repartindo bolsas da campaña sobre o autismo.

Usuarios de Amicos repartindo bolsas da campaña sobre o autismo. / Cedida

Ribeira

Con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, a asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos, de Ribeira, impulsa un ano máis unha campaña de sensibilización que busca achegar á sociedade o Trastorno do Aspecto Autista, unha realidade que forma parte do día a día de máis de 27.000 persoas en Galicia, poñendo o foco na inclusión e na participación activa de toda a comunidade.

Baixo o lema Rede que inclúe, a entidade está a desenvolver unha iniciativa que implica directamente o tecido social e económico da comarca do Barbanza e arredores, promovendo unha acción conxunta na que empresas, cidadanía e ámbito educativo camiñan da man para dar visibilidade ao Trastorno do Espectro Autista (TEA).

Nos últimos días, o stand informativo de Amicos percorreu os municipios de Ribeira, Noia, O Porto do Son, Boiro e A Pobra do Caramiñal, onde Adriana, Ramiro e Miguel, persoas usuarias da entidade, foron protagonistas do reparto de máis de 3.000 bolsas de agasallo entre a veciñanza.

A campaña continuará o vindeiro 9 de abril en Rianxo, completando así o seu percorrido pola comarca.

Esta acción está vinculada á colaboración co comercio local, xa que as bolsas son entregadas ás persoas que realizan compras nos establecementos participantes entre o 23 de marzo ao 12 de

abril, reforzando así a idea dunha rede que conecta inclusión e territorio.

As bolsas incorporan o debuxo gañador do concurso escolar Autismo en liña, no que participaron centros educativos da zona co obxectivo de fomentar a reflexión do alumnado sobre o autismo a través da expresión artística.

Asemade, no marco da campaña o 26 de marzo presentáronse os traballos de accesibilidade cognitiva que realizaron os membros do equipo de validación cognitiva de Amicos nas Illas Atlánticas.

A campaña Rede que inclúe non só busca informar, senón tamén implicar a cidadanía na visibilización do TEA. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, estímase que unha de cada cen persoas no mundo está dentro do espectro do autismo, unha condición que acompaña a persoa ao longo de toda a súa vida e que se manifesta de maneira diversa en cada caso.

Desde Amicos destacan o valor de accións como esta, nas que “a inclusión deixa de ser un concepto abstracto para converterse en algo visible, próximo e compartido”, grazas á participación activa de toda a comunidade.

Amicos contou coa colaboración da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), a Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), a Asociación de Empresarios de Riveira, a Asociación de Empresarios do Pobra, a Asociación de Empresarios de Portosín (AEP) e Noia Histórica.

TEMAS

Tracking Pixel Contents