De Tui a Ribadeo, a pé ou en bicicleta: o Camiño do Litoral estréase no verán
Alfonso Rueda percorreu en Carnota un tramo do novo itinerario, que pasa por 79 concellos

Pola esquerda, Juan Manuel Saborido, Alfonso Rueda, Ángeles Vázquez e Xosé Merelles, este mércores en Carnota. / Cedida
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este mércores que o Camiño do Litoral, que unirá a costa galega desde Ribadeo ata Tui, estará listo a partir deste verán, co que se sumará un novo atractivo turístico á comunidade autónoma.
“Poder percorrer a pé ou en bicicleta toda a costa galega, na comunidade con máis quilómetros de costa de España, é unha marabilla e un bo exemplo da Galicia Calidade”, salientou Rueda.
O xefe do Executivo galego percorreu en Carnota unha parte do trazado xunto coas entidades que colaboraron no seu deseño e definición: a Fundación Galicia Sustentable, Sherpa Project e Marexada. No acto estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido.
O Camiño terá unha lonxitude duns 1.300 quilómetros e poderase percorrer a pé ou en bicicleta pasando por un total de 79 concellos. Neste sentido, o Goberno galego xa está a realizar os trámites para dotalo dunha sinalización sostible e integrada na paisaxe, que estará finalizada durante o verán.
A maiores, a Xunta tamén acometerá traballos de mellora do trazado nalgúns puntos que o necesiten e porá en marcha unha aplicación móbil na que se ofrecerá información de interese sobre as distintas etapas ou sobre o patrimonio cultural próximo.

Rueda, no centro, con Merelles, Saborido, Vázquez e representantes da Fundación Galicia Sustentable, Sherpa Project e Marexada. / Cedida
"Esta iniciativa é un exemplo da boa xestión galega do litoral, logo de que en 2023 se aprobase a Lei galega de ordenación da costa, a Loxilga, e de que o pasado 1 de xullo se materializase a asunción plena das competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre", explicou Alfonso Rueda.
Ademais deste Camiño do Litoral, a Xunta está a levar a cabo outras medidas nesta materia, como a homoxeneización dos trámites e prazos en todas as provincias dos permisos para as instalacións e servizos na costa, ou as axudas para renovar ou construír chiringuitos sostibles e eficientes, para os que tamén se realizou un concurso de deseño duns prototipos que os empresarios do sector poden tomar como referencia.
Na súa intervención, Rueda incidiu en que este Camiño atraerá visitantes, o que permitirá dinamizar a economía local dos concellos que atravesa, así como diversificar a oferta turística da comunidade autónoma.
“Queremos que a xente nos visite, que os que veñan o pasen ben, repitan e coñezan toda Galicia”, indicou o presidente, quen salientou que esta nova senda tamén servirá para que os galegos “coñezan a súa propia terra”.
Nesta liña, Rueda indicou que o Camiño “levantou moita expectación, a expectación que levanta Galicia”. Ademais referiuse tamén ás previsións turísticas desta Semana Santa que, ata o de agora, están sendo moi positivas, tanto no que se refire ao número de viaxeiros como á afluencia de peregrinos.
- Encuentran el cadáver de un hombre amarrado a una escalinata del puerto de Ribeira
- La pastelería con los cruasanes más famosos de Santiago: 'Los estudiantes vienen a buscarlos a las 4 de la mañana
- Lavacolla, en caída libre: el aeropuerto pierde cerca de un tercio de su tráfico y 2.000 viajeros diarios
- La casa de la Ribeira Sacra donde rodó Mario Casas se puede alquilar desde 280 euros
- Conxo finalmente tendrá fiesta el próximo fin de semana: 'Hemos pasado mucho trabajo como para tener que cancelarla
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- La grabación y difusión de clases estará prohibida por ley para toda la comunidad educativa en Galicia
- El Cristo de la Paciencia regresa a Conxo y pone el broche final a la Semana Santa compostelana