Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INVESTIGACIÓN

Dúas persoas investigadas por senllos incendios forestais en Boiro

Realizaron queimas sen a salvagarda das pertinentes medidas de seguridade

Imaxe de arquivo dun incendio forestal.

Imaxe de arquivo dun incendio forestal. / Cedida

Boiro

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Santiago de Compostela esclareceron dous incendios forestais rexistrados os días 23 e 24 de marzo en Boiro. Contaron coa colaboración da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural.

Os lumes rexistráronse no lugar de Lampón, e afectaron a 1,8 hectáreas de monte arborado e raso e 0,17 hectáreas de superficie non forestal, respectivamente.

Obrigaron á intervención de medios de extinción de incendios da Consellería do Medio Rural co obxectivo de evitar a súa propagación. Ambos os lumes desencadeáronse pola realización de queimas sen a salvagarda das pertinentes medidas de seguridade. As dúas persoas implicadas prestaron declaración en calidade de investigadas e as dilixencias foron remitidas ao xulgado de garda de Ribeira.

Lume en Boborás

Asemade, axentes do referido grupo, con base en Ourense, esclareceron un incendio no núcleo de Vecoña de Arriba (Boborás), que afectou unhas 0,17 hectáreas de superficie arborada logo de orixinarse tamén nunha queima feita sen a salvagarda das debidas medidas de seguridade.

O lume foi extinguido por efectivos da Xunta, actuando no lugar un axente forestal, unha brigada e unha motobomba. Os axentes da UPA identificaron unha persoa como presunta responsable do lume, á que procederon a tomarlle declaración como investigada. As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao xulgado de instrución de garda do Carballiño.

Suspensión temporal das queimas

Cómpre lembrar que actualmente, e como medida preventiva, as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia están suspendidas temporalmente e ata novo aviso.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Tracking Pixel Contents