Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EDUCACIÓN

A Xunta inviste 270.000 € na reposición dos muros da pista do instituto do Porto do Son

Foron derrubados polos temporais en outubro de 2024

Os muros foron derrubados polos temporais de outubro de 2024.

Os muros foron derrubados polos temporais de outubro de 2024. / Cedida

Porto do Son

A Xunta de Galicia vén de adxudicar por case 270.000 euros a obra do peche lateral da pista do instituto do Porto do Son, que realizará a empresa Construcciones Iglesias Mera. O prazo de execución da actuación, unha vez se inicien os traballos, é de tres meses.

O obxectivo da intervención é arranxar os muros derrubados polos temporais en outubro de 2024, e protexer a pista da climatoloxía e da entrada de persoas alleas ás instalacións docentes.

Paneis prefabricados

Para dar resposta a estas necesidades, proxéctase un peche dunha altura de 3,75 metros, con paneis prefabricados de formigón, e desde os paneis ata a altura de cuberta con chapa ondulada microperforada de aluminio, que permita a iluminación, ventilación e a protección das choivas laterais.

Tamén se instalarán os canlóns e as baixantes para a evacuación das augas pluviais e colocarase unha nova cuberta de panel sándwich nos vestiarios.

A actuación enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.

Investimento de 8,5 M € no Barbanza

A Xunta está a investir máis de 8,5 M€ en obras en centros educativos na área do Barbanza ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Ademais desta actuación, en O Porto do Son acometeuse o cambio de cuberta do instituto da localidade (422.000 €), así como o do Colexio Santa Irene (260.000 €).

Así mesmo, acometéronse obras de tanta importancia como as rehabilitacións integrais do IES da Pobra do Caramiñal (2 M€), do IES Plurilingüe Fontexería (Muros, 1,4 M€), do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1 M€) e do CEIP Plurilingüe de Frións (Ribeira, 655.000 €).

A maiores, está tamén en licitación a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Praia Xardín (Boiro, 1,1 M€).

Tracking Pixel Contents