Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis de vinte músicos e cantantes repasan o legado dos grupos de Muros

A Banda do Peixe rendeu homenaxe a formacións como Os Miúdos, Estampida, Trapos Sucios, Terbutalina, The Rapants ou Lisdexia

Asistentes ao concerto celebrado no mercado de abastos de Muros.

Asistentes ao concerto celebrado no mercado de abastos de Muros. / Cedida

Muros

O mercado de abastos de Muros quedou pequeno coa actuación da Banda do Peixe, nun concerto que se converteu nunha auténtica celebración da música muradá e da súa memoria.

O espazo encheuse por completo cunha proposta única, na que máis de vinte músicos e cantantes subiron ao escenario nun formato que conseguiu emocionar o público de principio a fin.

Durante aproximadamente unha hora e media, a formación fixo un percorrido pola historia musical da vila, recuperando cancións de bandas que forman parte do imaxinario colectivo de Muros.

Soaron temas de Os Miúdos, Estampida, Trapos Sucios, Terbutalina, The Rapants ou Lisdexia, entre outras formacións, nun repertorio que combinou diferentes épocas e estilos, mostrando a riqueza e diversidade da escena musical ao longo dos anos.

Integrantes da Banda do Peixe, durante o concerto.

Integrantes da Banda do Peixe, durante o concerto. / Cedida

Máis alá do musical, a cita converteuse nun acto profundamente emotivo, no que se mesturaron lembranzas, reencontros e unha forte sensación de identidade compartida, nun ambiente de proximidade e complicidade que fixo do concerto algo difícil de repetir.

Dende a asociación cultural Praia do Castelo valoran moi positivamente o desenvolvemento da actividade, destacando tanto a resposta do público como o compromiso e a enerxía de todas as persoas implicadas no proxecto.

A entidade quere agradecer especialmente a todos os músicos e cantantes que fixeron posible unha proposta tan especial, así como ao público asistente polo seu apoio.

Este concerto reafirma o espírito do ciclo Sons no mercado, que continúa consolidándose como un espazo de referencia para a música en directo en Muros, contribuíndo a dinamizar o mercado de abastos como lugar de encontro cultural e social ao longo de todo o ano.

Tracking Pixel Contents