Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música, exhibicións, concursos, ruta e xantar: así será a quedada moteira de Ribeira

A cita organizada polo Club Os Reventapistóns terá lugar o vindeiro sábado 18 de abril

Álex Vidal, segundo pola esquerda, e Fernando Abraldes, cuarto, con Juan González, José Francisco Mallo e Pablo Blanco.

Álex Vidal, segundo pola esquerda, e Fernando Abraldes, cuarto, con Juan González, José Francisco Mallo e Pablo Blanco. / Cedida

Ribeira

O Club Os Reventapistóns celebrará a súa oitava quedada moteira o vindeiro sábado, 18 de abril, na Praza de España de Ribeira, coa colaboración do Concello e como antesala da concentración que

terá lugar no mes de setembro.

O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, felicitou a entidade organizadora por este evento que pretende poñer en valor unha disciplina deportiva do mundo do motor. O edil tamén destacou que "cando fan estas quedadas sempre teñen algunha actividade lúdico-deportiva, traen grandes espectáculos, fan probas para todo os asistentes e, un ano máis, consolídanse como un club referente, non só de Ribeira e da comarca do Barbanza, senón tamén a nivel autonómico e, incluso, nacional."

Pola súa parte, o seu homólogo de Festexos, Fernando Abraldes, manifestou que esta oitava edición da quedada contribuirá a seguir dinamizando social e economicamente o municipio despois da

Semana Santa. "É unha quedada moi importante para Ribeira e quero agradecer a Os Reventapistóns pola planificación tan boa que fixeron", indicou.

En representación do club participaron na presentación Juan González, José Francisco Mallo e Pablo Blanco, quen sinalou que "isto é un aperitivo do que virá despois, que xa é outro nivel".

A xornada comezará ás 11.30 horas con música da man de Cabina DJ para, ao redor das 12.30 horas, dar paso á sesión vermú, amenizada nos bares da contorna da praza e, ás 14.00 horas, ao xantar a base de churrasco (a un prezo de 3 euros a ración). Tamén haberá unha Food Truck.

Xa pola tarde, ás 15.45 horas, terá lugar o concurso Motos a cegas, no que os participantes deberán apalpar e escoitar. Ás 17.15 horas será a saída da ruta mototurística pola zona.

Tamén haberá espectáculo romperrodas, ás 18.30 horas; a actividade Reventa Trompeta, ás 19.00 horas; e, ás 19.20 horas, as probas de carreira de lentos, salchicha colgante e ruído.

O colofón desta quedada virá cos sorteos de agasallos por cortesía de Deza Racing Padín, ás 20.00 horas.

Tracking Pixel Contents