Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG reclama un plan a tres bandas para aproveitar o potencial da planta de residuos de Servia

Insta a Xunta, Mancomunidade e concellos a colaborar na modernización da instalación e propón que reciba o rexeite resultante do tratamento en Cerceda

Ricardo Suárez e Rosana Pérez, á esquerda, fronte á planta de tratamento de residuos de Lousame.

Ricardo Suárez e Rosana Pérez, á esquerda, fronte á planta de tratamento de residuos de Lousame. / Cedida

Lousame

A deputada autonómica do BNG Rosana Pérez esixe á Xunta establecer un marco de negociación coa Mancomunidade Serra do Barbanza e cos concellos que a integran para desenvolver conxuntamente un plan de aproveitamento das potencialidades da planta de tratamento de residuos de Servia (Lousame).

Pérez visitou a planta e solidarizouse coa "complicada situación" que atravesa o cadro de persoal, “especialmente o da triaxe, que se compón maioritariamente por mulleres”.

Segundo a deputada, a planta de Servia chegou á súa situación actual pola “nefasta xestión” de gobernos do PP e do PSOE, "indistinguibles na práctica". Pérez denuncia que "a Mancomunidade e a Xunta queren impoñer a idea de que pechar a planta é a única opción”.

Asimesmo, lembrou o “consenso” existente entre alcaldías de diferente cor, así como do cadro de persoal, sobre a necesidade de manter a actividade na planta de Servia, “un activo moi importante a preservar, un complexo viable e con posibilidades”.

Tras acusar a Xunta de “dar as costas a todo o que non sexa Sogama”, a deputada nacionalista dixo que “ante unha situación de emerxencia da planta de Servia logo da colmatación do vertedoiro", a Xunta tiña dúas opcións.

"Unha consiste en considerar Servia un activo para este país, colaborando na modernización da planta para descentralizar a xestión dos residuos, aproveitando o capital humano e aceptando o rexeite resultante do tratamento en Cerceda", explicou. A outra, "aproveitar o monopolio de Sogama para lanzar un órdago: ou a integración total ou nada”.

Segundo Pérez, a opción escollida pola Xunta foi a segunda: "forzar a Mancomunidade a abandonar a planta de Servia a través dunha chantaxe, sen importar as decenas de familias que dependen dos postos de traballo e sen importar a existencia dun complexo con licenzas que podería ser a primeira pedra dun novo modelo de xestión dos residuos no país”.

Pola súa parte, o representante do BNG na Xunta Rectora da Mancomunidade Serra do Barbanza, Ricardo Suárez, apostou por “un novo modelo baseado na redución de residuos en orixe, a recollida selectiva, a reutilización, a reciclaxe e a compostaxe a través de plantas achegadas ao territorio e que xeren emprego”.

“Hai consenso social para isto, hai unha planta viable que foi abandonada e hai decenas de postos de traballo en risco. Refrotar a planta de Servia require de cooperación entre institucións e un plan para facelo”, sinalou.

O BNG aposta por artellar o desenvolvemento de todas as potencialidades do complexo medioambiental e definir os investimentos necesarios para adaptar e modernizar a planta ás novas encomendas que se lle confiran, "aproveitando o capital humano existente e mesmo xerando novos empregos na comarca”.

Tracking Pixel Contents