Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ribeira activa as obras de mellora da accesibilidade nas inmediacións do consistorio

A actuación prolongarase dous meses e consiste na instalación dunha plataforma única

Inicio das obras de mellora da accesibilidade na contorna da casa consistorial de Ribeira.

Inicio das obras de mellora da accesibilidade na contorna da casa consistorial de Ribeira. / Cedida

Ribeira

O Concello de Ribeira vén de poñer en marcha as obras de mellora da accesibilidade na contorna da casa consistorial, cunha actuación que se centra en tres rúas que lucirán novo aspecto e nas que se creará unha plataforma única para que vehículos e transeúntes circulen na mesma cota.

Substituirase o aglomerado da calzada por pavimento de formigón pulido que, cada certa distancia, se intercalará con franxas de adoquín de pedra granítica.

A intervención afectará as vías de pavimento ao redor da casa consistorial ao longo de dous meses.

"Trátase dunha actuación necesaria para continuar dando resposta ao compromiso de humanización da nosa cidade. Nestas rúas xa tiña prioridade o viandante sobre os vehículos, pero executamos estas obras para mellorar o estado da superficie e, polo tanto, incrementar a seguridade para quen se despraza a pé ou nun turismo", sinala a alcaldesa, María Sampedro.

A rexedora incide na envergadura desta actuación, que "supón un importante esforzo para a administración local, pois vai con cargo íntegro ás arcas municipais, pero era moi necesario este acondicionamento no centro urbano. É un compromiso adquirido coa veciñanza ao que damos cumprimento con medios propios", engadiu.

"Parte do importe ía enmarcado no Plan de Fortalecemento de Comercio, pero o anterior Goberno local perdeu estes fondos e, agora, debe ser o Concello o que asuma a totalidade do custo", explica Sampedro.

As obras supoñen un investimento de 69.172,72 euros, IVE incluído, e Nemesio Ordóñez, S.A. é a empresa encargada da súa execución.

Tracking Pixel Contents