Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Noia recupera a súa Feira do Libro e renderá homenaxe ao falecido escritor local Maxi Olariaga

A programación cultural do Concello inclúe a representación da obra Golpe a golpe, verso a verso, protagonizada por Ismael Serrano, e o II Festival de Humor Pedro Brandariz

A concelleira Chelo Martínez, co cartel da pogramación cultural.

A concelleira Chelo Martínez, co cartel da pogramación cultural. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Noia

A concelleira de Cultura de Noia, Chelo Martínez, presentou este venres a programación cultural para os meses de abril e maio de 2026, unha proposta “variada, ambiciosa e pensada para dar cabida a todo tipo de públicos”, segundo destacou durante a súa intervención.

Martínez subliñou que esta nova programación “non só consolida a aposta polo cine, o teatro e a música que tan boa acollida tiveron nos últimos meses, senón que incorpora tamén dous elementos innovadores e fundamentais: a presenza do libro e a recuperación da memoria colectiva”.

Neste sentido, a concelleira puxo en valor as xornadas pola memoria histórica, que incluirán unha homenaxe ao escritor local Maxi Olariaga (falecido en 2018) o sábado 17 ás 12.00 horas, así como a xornada de etnografía popular que se desenvolverá en maio na casa da cultura Avilés de Taramancos.

“Trátase de iniciativas que nos permiten mirar o noso pasado, recoñecer as persoas que formaron parte del e reforzar a nosa identidade como vila”, sinalou.

O protagonismo da literatura será outro dos piares desta programación. “Queremos que o libro ocupe o lugar que merece dentro da vida cultural de Noia”, afirmou Martínez, quen destacou a presentación de dúas obras literarias, a celebración do Día das Letras Galegas e a recuperación da Feira do Libro de Noia, que terá lugar os días 22, 23 e 24 de maio.

“Recuperar esta feira é unha débeda que tiñamos coa cidadanía e co sector cultural”, engadiu.

A programación cultural de Noia mantén tamén algunhas das propostas máis exitosas da anterior edición. Así, renovarase a colaboración co cineclub local Claudio Guerin, que continuará levando ao Coliseo Noela “unha selección de películas de alta calidade e actualidade”. “O cineclub é xa un referente cultural na nosa vila e queremos seguir apoiando o seu labor”, destacou.

No ámbito teatral, a concelleira fixo fincapé na importancia de achegar espectáculos de primeiro nivel a Noia, como a obra Golpe a golpe, verso a verso, protagonizada por Ismael Serrano. “Queremos que Noia sexa tamén un punto de encontro para propostas escénicas de gran calidade”, indicou.

O humor tamén terá un papel destacado coa celebración do II Festival de Humor Pedro Brandariz, en homenaxe “a un gran humorista moi ligado á nosa vila”. Segundo Martínez, “é fundamental recoñecer o talento propio e manter vivo o legado cultural das persoas que marcaron a nosa historia recente”.

Para rematar, a concelleira de Cultura amosou a súa satisfacción pola acollida da programación anterior, que contou cunha altísima participación, e agradeceu o apoio da veciñanza. “Dende a concellería estamos encantados de poder seguir ofrecendo unha programación cultural de primeira e animamos a toda a cidadanía a participar activamente nas propostas que presentamos”, concluíu.

Tracking Pixel Contents