O PSOE de Ribeira propón recuperar o antigo cine Millán para dotar Palmeira dun novo espazo cultural
Antigamente foi tamén fábrica de salgadura e pista de baile
O Filipino, Gran Vía, Abadiño, Moraña, Millares ou Colón son os nomes dalgunhas das 19 salas de proxección que funcionaron no Barbanza

Ruínas do antigo cine Millán de Palmeira. / Suso Souto
O PSOE de Ribeira vén de presentar unha proposta ao pleno municipal para impulsar a adquisición e rehabilitación do inmoble do antigo cine Millán, de Palmeira, coa finalidade de convertelo nun espazo cultural ao servizo da parroquia.
Para o grupo municipal socialista esta iniciativa “responde a unha demanda da veciñanza e representa unha oportunidade única para recuperar un espazo histórico de gran valor nunha contorna privilexiada”.
O voceiro socialista, Francisco Suárez-Puerta, destaca a importancia de “dotar Palmeira dunha casa de cultura ou dun centro social público, un equipamento que permitiría reforzar a actividade cultural e social da parroquia, favorecer a participación veciñal e dinamizar a vida comunitaria”.
Neste sentido, Suárez-Puerta destaca que “a falta de solo dispoñible na zona consolidada fai especialmente relevante a recuperación de espazos xa existentes como o antigo cine Millán”.
O socialista subliña o valor histórico e simbólico do edificio, que foi primeiro unha fábrica de salgadura e posteriormente un cine e unha pista de baile, “formando parte da memoria colectiva de xeracións de veciños e veciñas de Palmeira”. “A súa recuperación permitiría preservar este legado, poñelo en valor e transmitilo ás novas xeracións”, engade.
A proposta contempla a creación dun espazo cultural polivalente, no que se poñan en valor os elementos industriais da antiga fábrica e se recupere tamén a súa dimensión cultural, cunha pequena sala de proxección en homenaxe ao antigo cine Millán, así como espazos para actividades sociais, culturais e educativas.
O portavoz socialista destacou que se trata dunha “oportunidade única para recuperar un espazo que forma parte da historia de Palmeira e convertelo nun punto de encontro para o presente e o futuro da parroquia”. Nesa mesma liña apuntou que “non se trata só de rehabilitar un edificio, senón de devolverlle á veciñanza un lugar que xa foi seu e que segue moi presente na memoria colectiva”.
Para o voceiro, a adquisición e rehabilitación deste espazo “debe entenderse como un investimento estratéxico que contribuirá á dinamización cultural, á cohesión social e á posta en valor do patrimonio local”. “Palmeira merece contar cun espazo cultural propio á altura da súa historia e da súa identidade”, sinalou.
Suárez-Puerta sinala que esta proposta “encaixa coa liña de recuperación e posta en valor do patrimonio que se vén desenvolvendo no municipio, apostando por proxectos que reforcen a identidade das parroquias e melloren a calidade de vida da veciñanza, xerando ao mesmo tempo novos espazos de encontro e convivencia”.
Só un cine resiste hoxe no Barbanza, que chegou a contar con dezanove
É probable que o 8 de decembro de 1917 chovese na Pobra. Pero o que si é seguro é que esa tarde no Cine Puebla proxectouse o segundo episodio dunha película que arrasaba: Los vampiros. Pero este detalle non hai Internet que o certifique; sábese porque voou no tempo un programa de man esquecido sobre unha vella butaca.
Nin sequera algúns anciáns da Pobra lembraban xa o nome desta sala, que, ao parecer, estaba na rúa Principal, moi preto doutra inaugurada en 1950 que aínda hoxe resiste en pé, aínda que só como teatro: o Cine Elma. O seu nome deriva de Elisa e Manuel Escurís, os seus donos.
En Rianxo houbo catro cines: o Taragoña (1943-1976), o cine El Centro de Asados (1948-1980), o Avenida (1970-1998), que aínda está na rúa Rinlo, e o Rianxo (coñecido como Rubén, ao lado do consistorio, que pechou nos 70).
En Boiro houbo 6. O máis recente estaba na rúa Borobó e pechou fai dúas décadas tras un incendio. Pero os míticos eran o Gran Vía (na rúa Principal, do que era dono Gonzalo Romero) e o Boiro (cuxa ruína está aínda ao lado da antiga discoteca Tonos). Tamén os houbo en Cabo de Cruz, Escarabote e Cespón.
En Ribeira está actualmente o único templo actual do celuloide: os Multicines Barbanza. Pero neste municipio houbo 7. Algúns veciños aínda lembran o máis antigo. Chamábase Abadiño (cando o cine era mudo) e estaba na avenida do Malecón. Pero na súa orixe foi privado, pois as películas proxectábanse na casa do banqueiro José Martínez Fernández, só para familiares e amigos.
Cando outra persoa adquiriu esas propiedades, o cine pasou a ser público. José Martínez foi, alén de banqueiro, alcalde de Ribeira entre 1887 e 1890 e foi nomeado Fillo Predilecto no ano 1919.
As outras seis salas foron o cine Moraña (primeiro na rúa de Galicia e logo na Praza de Vigo); o Millares, na parroquia de Carreira; o Millán, cuxas ruínas se alzan aínda aos pés da estrada xeral, en Palmeira; un na parroquia de Olveira; o Colón (coñecido como O Filipino, porque o seu propietario fixera fortuna en Filipinas) e o Ribeira.
O lume, nalgún caso, ou a competencia do momento, noutros; a televisión, primeiro, e as plataformas dixitais, despois, foron apagando os proxectores aos poucos.
- Muere Manuel Peleteiro Ramos, hijo de los fundadores del Colegio Peleteiro de Santiago
- Medio Ambiente detecta un auge de la pesca eléctrica en los ríos gallegos: «No me esperaba que hubiese tanto furtivismo de este tipo»
- Las nueve medidas con las que el candidato del PP Borja Verea quiere convertir Santiago en 'la mejor capital de Europa' para las familias
- El primer bar vikingo de Santiago abre con un barco a tamaño real como barra: 'Va a ser algo nuevo en la ciudad
- De perseguir autógrafos en Lavacolla a levantar la Copa del Mundo: Borja Iglesias vuelve a casa para ser homenajeado
- Dos jóvenes acaban en el hospital tras sufrir violentas agresiones en las fiestas de A Mercé de Conxo
- Hallan en el convento pontevedrés de Santa Clara un cerebro saponificado, restos de niños y el cadáver de un capellán
- Santa Minia de Brión 2026: Luar na Lubre, Olympus y Finisterre en la primera edición como Fiesta de Interés Turístico de Galicia