Ambar convida a botar unha carreira pola diversidade en Ribeira
A actividade terá lugar o domingo 10 de maio e busca recadar fondos para o proxecto de vivendas inclusivas da entidade

Pola esquerda, Milagros Rey, Álex Vidal, Joserra Filgueira e Jonatan Lijó. / Cedida
A asociación de persoas con diversidade funcional Ambar celebrará en Ribeira o vindeiro domingo dez de maio, a partir das des da mañá, a duodécima edición da súa Carreira pola diversidade.
A saída terá lugar na explanada de Coroso. O evento consólidase como un referente de convivencia e inclusión, máis alá do eido estritamente deportivo.
A gran novidade desta edición é o enfoque cara a unha "experiencia transformadora". Ambar introduce a proba lúdica (2,5 km), deseñada para aqueles que desexen gozar do percorrido camiñando, en familia ou coas súas mascotas, sen a presión do cronómetro, pero con numerosas sorpresas e actividades durante o traxecto.
O prazo de inscrición xa está aberto na web oficial de Cronotec e pecharase o 5 de maio. A cota de participación é de 7,50 €. Establecéronse as seguintes categorías: modalidade absoluta mixta (5 km), para Sub-18, Senior e categorías Máster (1, 2 e 3); modalidade inclusiva (5 km), para Zapatilla Inclusiva (diversidade intelectual, sensorial ou motriz), handbike e cadeira de atletismo; e modalidade lúdica (2,5 km), aberta a todas as idades e con opción de acudir con mascotas.
Para quen non poida asistir pero queira colaborar, existe a opción de participar a través do dorsal 0.
Dende a organización técnica, Joserra Filgueira, responsable da área de Deporte, anunciou que, aínda que se manteñen as modalidades competitivas doutras edicións, a gran sorpresa deste ano é a proba lúdica. "Trae actividades un pouco máis divertidas que se desvelarán o propio día", sinalou, facendo un chamamento á participación masiva.
Pola súa banda, Jonatan Lijó, usuario de Ambar e integrante do equipo de running, compartiu a súa experiencia: "Prepararme foi un proceso difícil, pero pouco a pouco vaise facendo". Lijó animou a cidadanía a participar cos seus fillos e mascotas, deixando no aire o misterio dunha sorpresa especial.
O obxectivo: un ecosistema de vivendas inclusivas
Este ano, toda a recadación destinarase ao proxecto Ecosistema de vivendas inclusivas e servizo de apoio á comunidade. Esta iniciativa busca rehabilitar as antigas vivendas dos mestres en Praia Xardín (Boiro) para crear aloxamentos permanentes, temporais e de transición. Cun investimento próximo ao millón de euros, o obxectivo é que as persoas con diversidade poidan desenvolver a súa autonomía e escoller como queren vivir.
A presidenta de Ambar, Milagros Rey, destacou que os esforzos desta edición céntranse na rehabilitación dun edificio estratéxico. "O recadado este ano será para o proxecto das vivendas de ecosistema inclusivo, onde as persoas con diversidade aprenden a desenvolver a súa vida diaria", dixo.
Rey subliñou que este recurso é unha "necesidade urxente" para que estas persoas acaden autonomía.
O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, reafirmou o apoio total do Goberno local a unha asociación que define como "un orgullo para o municipio". "Mellorar a vida das persoas, sexa cal sexa a súa diversidade, é o que debería mover o mundo", afirmou Vidal.
- Os Biosbardos, la innovadora huerta ecológica coruñesa que surte a Inditex y prepara un 'Amazon de leira'
- Sobrevivir a flote: la historia de un okupa con permiso para vivir en un viejo barco
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- El chiringuito a 40 minutos de Santiago con un jardín secreto bajo los árboles: así es el rincón más caribeño de la ría de Arousa
- La Ascensión vuelve a cabalgar entre equinos, pulpo y tradición popular en Amio
- La precampaña se sienta al pulpo en la carballeira de Santa Susana el día de la Ascensión
- Casa 2M e Medio
- La Xunta dará «ayudas directas» a promotores para construir viviendas