Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PLAN HURBE

Lousame transforma Camboño mellorando accesibilidade, servizos e a integración paisaxística

O investimento da Xunta e Concello ascendeu a 385.000 euros

A delegada da Xunta e o alcalde no centro, na visita á parroquia de Camboño.

A delegada da Xunta e o alcalde no centro, na visita á parroquia de Camboño. / X. G.

Lousame

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisaron os traballos que se desenvolveron no lugares do Corral de Abaixo, Chousa e O Corral de Arriba, na parroquia de San Xoán de Camboño.

Esa actuación supuxo un investimento de preto de 385.000 euros e enmárcase no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas contratou e executou as obras nun 70% do orzamento, preto de 270.000 €, mentres o Concello achegou o 30%, algo máis de 115.000 €.

Do Campo e Ares, no centro, durante a visita a un dos núcleos.

Do Campo e Ares, no centro, durante a visita a un dos núcleos. / Cedida

A través desta colaboración executáronse obras de pavimentación deste núcleo de poboación, que incluíu actuacións encamiñadas á mellora estética e funcional deste espazo público empregado a día de hoxe como viario e zona de esparexemento cotiá dos veciños do municipio.

Esta intervención tivo como obxectivo principal a mellora da accesibilidade e dos servizos básicos da zona, mediante a repavimentación de dúas vías situadas nun contorno de especial sensibilidade, ao atoparse dentro da área de protección de elementos do patrimonio cultural e na zona de afección do Rego de Hornarala.

Adaptación á contorna

No marco desta actuación, deuse continuidade aos traballos de repavimentación xa iniciados nestes núcleos, incorporando solucións que combinaron a integración paisaxística coa funcionalidade. En concreto, o proxecto incluíu a substitución do pavimento por formigón desactivado entre franxas de lastro de granito, favorecendo unha mellor adaptación á contorna.

Ademais, acometeuse a renovación da canalización para a recollida de augas pluviais, así como a instalación de tubaxes para a futura prestación do servizo de auga potable. Tamén se contemplou a instalación de iluminación pública, contribuíndo á seguridade viaria e peonil.

Outro dos aspectos destacados da intervención foi o soterramento das redes existentes de baixa tensión e telecomunicacións, o que permite reducir o impacto visual e mellorar a calidade paisaxística da contorna.

Desenvolvemento sostible

Belén do Campo puxo en valor este tipo de actuacións, "que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza apostando por un desenvolvemento sostible e pola mellora da calidade de vida", afirmou.

Destacou ademais o compromiso de colaboración co Concello de Lousame no marco do Plan Hurbe da Administración autonómica, "co que xa foron executadas e incorporadas ao patrimonio público municipal as obras de humanización do acceso á casa da cultura e a mellora do viario de Bouciñas a Croído".

TEMAS

Tracking Pixel Contents