Rianxo homenaxea o veciño que descubriu o casco de ouro de Leiro hai 50 anos
Unha réplica da peza presidiu unha mesa na que varios expertos repasaron a historia protagonizada por José María Vicente

José María Vicente, cuarto pola esquerda, cos participantes na homenaxe; sobre a mesa, unha réplica co casco de ouro de Leiro. / Cedida
O Pazo do Martelo, de Rianxo, acolleu unha homenaxe a José María Vicente Somoza, o veciño que hai 50 anos atopou o casco de ouro de Leiro.
Ao acto, organizado pola Asociación Etnolóxica Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, asistiron máis dun cento de persoas, entre elas, o tenente de alcalde, Julio Alcalde; os exalcaldes Pedro Piñeiro, Adolfo Muíños e Xosé Bravo Frieiro; Roberto Pena Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, que realizou unha análise do contexto histórico dos achados casuais; Elena Cabrejas Domínguez, arqueóloga do CSIC, que impartiu a ponencia Leiro, Caldas, O Xiabre: os astros, un monte e dous achados excepcionais de ourivería prehistórica; Rafael María Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, que impartiu o relatorio Tesouros, ofrendas ou ferralla. Agochamentos na Idade do Ferro das Rías Baixas; Manuel Gago, doutor en Xornalismo, que presentou a charla Os tesouros na sociedade tradicional galega: instrucións de uso; e Mario César Vila, arqueólogo e profesor da USC, quen abordou outros tesouros arqueolóxicos singulares de Rianxo.

Asistentes ao acto celebrado no Pazo do Martelo. / Cedida
Julio Alcalde e Xusto Ordóñez, secretario da asociación Castelao, entregáronlle a José María Vicente un pergamiño e unha placa conmemorativos da homenaxe.
A mesa estaba presidida por unha réplica do casco de ouro de Leiro.
"O casco de ouro de Leiro representa moito máis que unha peza arqueolóxica de valor excepcional. É símbolo dunha herdanza milenaria, testemuño da riqueza cultural das nosas terras e mostra da relevancia que Galicia tivo nas redes de intercambio e nas manifestacións artísticas da prehistoria europea", dixo Xusto Ordóñez.
"Este achado situou Rianxo nun lugar destacado dentro do panorama arqueolóxico, converténdose nun elemento clave para comprender o noso pasado e, ao mesmo tempo, nun referente que nos impulsa a seguir protexendo, estudando e difundindo o noso patrimonio", engadiu.
No acto tamén se rendeu homenaxe á arqueóloga Rosa María Paz Lobeiras, falecida en 2024, quen levou a cabo un intenso labor de conservación, defensa e difusión do patrimonio de Rianxo.

Ángel Acuña, esquerda, viúvo da arqueóloga Rosa María Paz Lobeiras, recibindo a placa de mans de Xusto Ordóñez e Julio Alcalde. / Cedida
O seu compromiso traduciuse nunha implicación decisiva na recuperación e posta en valor de espazos como Os Mouchos, A Foxa Vella ou Os Campiños, así como no proceso que permitiu valorizar as pezas actualmente conservadas no auditorio e acadar o seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural (BIC).
Julio Alcalde e Xusto Ordóñez fixeron entrega dunha placa conmemorativa e dun pergamiño ao seu viúvo, Ángel Acuña, no que figuraba o seguinte texto: "A Asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao a Rosa María Paz Lobeiras, pola súa dedicación, amor e incansable defensa do patrimonio rianxeiro e da súa xente. No recordo agradecido dun pobo que non a esquece".
- Os Biosbardos, la innovadora huerta ecológica coruñesa que surte a Inditex y prepara un 'Amazon de leira'
- Sobrevivir a flote: la historia de un okupa con permiso para vivir en un viejo barco
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- El chiringuito a 40 minutos de Santiago con un jardín secreto bajo los árboles: así es el rincón más caribeño de la ría de Arousa
- La Ascensión vuelve a cabalgar entre equinos, pulpo y tradición popular en Amio
- La precampaña se sienta al pulpo en la carballeira de Santa Susana el día de la Ascensión
- Casa 2M e Medio
- La Xunta dará «ayudas directas» a promotores para construir viviendas