Colares con GPS, carpas, valados virtuais, videocámaras e contedores de alimento: así miman o gando nun monte de Rianxo
A Deputación da Coruña apoia a comunidade de Leiro con 9.000 € para avanzar na implantación da gandería rexenerativa e do silvopastoreo

Cristina Capelán e Alberto Angueira, edil de Medio Ambiente de Rianxo, este martes en Leiro. / Cedida
A Deputación da Coruña apoia con 9.200 euros a mellora das instalacións gandeiras e a adquisición de equipamento relacionado coa actividade de silvopastoreo da comunidade de montes de Leiro, no concello de Rianxo.
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou este martes a comunidade para coñecer de primeira man a súa actividade e os investimentos financiados pola institución provincial dentro da liña de subvencións a entidades agrarias, labregas, forestais e de desenvolvemento rural, que este ano suma 224.825 euros e beneficia a 38 entidades.
Durante a visita, Capelán puxo en valor o traballo que desenvolven as comunidades de montes como axentes fundamentais na conservación, ordenación e aproveitamento sostible do territorio. “As comunidades de montes son pezas clave para manter vivo o rural, coidar o monte e previr incendios”, afirmou.
O proxecto subvencionado pola Deputación permitirá mellorar as instalacións gandeiras da comunidade e adquirir novo equipamento necesario para avanzar na implantación da gandería rexenerativa e do silvopastoreo nos montes que xestiona a entidade.
Entre os investimentos previstos figuran unha carpa para o gando, unha carpa para forraxe, colares virtuais con GPS para a creación de valados virtuais, cámaras de vixilancia, contedores de alimento e mangas de manexo para facilitar tarefas de saneamento e coidado dos animais.
Cristina Capelán destacou que “o silvopastoreo é unha ferramenta moi útil para compatibilizar a actividade gandeira coa conservación do monte, porque permite diminuír o risco de incendios e, ao mesmo tempo, xerar actividade económica”.
A deputada subliñou tamén que este tipo de investimentos “axudan a pasar dun modelo de monte centrado case exclusivamente no aproveitamento madeireiro a outro máis diverso, no que teñen cabida a gandería extensiva, a prevención de lumes, a biodiversidade e a produción de alimentos de calidade”.
A comunidade de montes de Leiro está apostando nos últimos anos pola introdución da gandería rexenerativa como vía para avanzar na prevención de incendios forestais, promover a biodiversidade, mellorar o benestar animal e dinamizar o medio rural.
Segundo a memoria do proxecto, o gando pode xogar un papel clave na prevención dos lumes ao alimentarse da vexetación baixa e das matogueiras, reducindo así a cantidade de material inflamable.
A actuación beneficia directamente ás 219 persoas comuneiras rexistradas, aínda que a entidade estima que o impacto positivo se estende ao conxunto da parroquia de Leiro, con arredor de 1.000 habitantes, e tamén ao resto do concello de Rianxo e da súa área de influencia.
Capelán salientou ademais a dimensión colectiva deste tipo de proxectos, xa que a comunidade de montes de Leiro colabora activamente con outras comunidades do concello de Rianxo e tamén de municipios limítrofes como Dodro e Boiro, a través da Plataforma pola defensa do monte, compartindo experiencias, coñecemento, materiais e equipamentos.
Un pasteiro de 10,80 hectáreas en Muros
Por outra banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou Muros para comprobar os traballos realizados no pasteiro de Santa Mariña de Esteiro, que contaron cun investimento de preto de 75.000 euros.
Este pasteiro abrangue unha superficie de 10,80 hectáreas, divididas en dúas zonas, nas que se realizaron traballos de roza, pase de grada pesada, abonado e sementado, entre outros labores. A maiores, colocáronse peches perimetrais.

José Balseiros, no centro, en Muros, coa alcaldesa, María Lago. / Cedida
José Balseiros, que estivo acompañado da alcaldesa de Muros, María Lago, destacou que este tipo de actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural e redundan de xeito moi positivo na conservación da biodiversidade e nos ecosistemas agroforestais, contribuíndo, ademais, á prevención de incendios forestais. Sinalou tamén que impulsan de forma significativa a actividade socioeconómica, xa que ofrecen espazos favorables para a gandaría en extensivo.
Plan de pastos de Galicia
A creación deste pasteiro en Muros enmárcase dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 millóns de euros.
- Fly2Galicia conectará Santiago con ocho destinos nacionales y europeos desde diciembre
- Xosé Humberto Baena, el gallego condenado por un crimen que siempre negó: la historia del último fusilado del franquismo
- Daniel Dopazo, líder de la orquesta La Ocaband: «La verbena es el evento cultural más importante de Galicia y no se está protegiendo»
- Las panaderías de Santiago que cierran los domingos: “No se muere nadie por un día sin pan"
- Media Galicia en alerta roja por calor mientras en este rincón sacan el paraguas: van más de 14 litros de lluvia acumulada este sábado
- La sequía descubre antiguas pesqueiras del Tambre y Santa Comba pide una captación desde el Xallas
- Las altas temperaturas condicionan el estreno de la temporada oficial de caza de jabalí en Galicia: 'Con este calor no puedes soltar a los perros
- Muere Manuel Lata Montoiro, fundador de la distribuidora industrial Comercial M. Lata de Santiago