Noia programa actividades de cinema, literatura, música e espectáculos familiares ao redor do Día das Letras Galegas
Serafín Marcos realizará a intervención Begoña Caamaño, a voz das mulleres silenciadas, na porta do claustro do consistorio

A concelleira de Cultura, Chelo Martínez, presentou a programación especial co gallo do Día das Letras Galegas. / Cedida
A concelleira de Cultura do Concello de Noia, Chelo Martínez, presentou a programación especial co gallo do Día das Letras Galegas, un conxunto de actividades pensado “para que toda a veciñanza, independentemente da idade ou dos seus intereses, poida celebrar este día”, dixo.
Martínez destacou que “apostamos por unha programación variada, que aborda a realidade literaria galega desde múltiples perspectivas, combinando cinema, literatura, música e espectáculos familiares”, co obxectivo de converter esta celebración nun punto de encontro cultural aberto e participativo.
A programación dará comezo o venres 15 ás 20.30 horas no Teatro Coliseo Noela coa proxección do filme Antes de Nós (2025), centrado na vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha produción que acadou un importante recoñecemento ao obter 13 Premios Mestre Mateo.
O sábado 16 ás 20.30 horas, a literatura contemporánea terá un papel protagonista coa presentación do libro A parte fácil, a cargo do escritor noiés Ismael Ramos. A obra inclúe o relato A lebre, gañador do prestixioso premio internacional Premio O. Henry. O acto terá lugar no Edificio do Casino (2º andar).
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, concentrará os actos principais. A xornada comezará ás 12.00 horas cunha ofrenda floral aos bustos de María Mariño e Antón Avilés de Taramancos na alameda. A continuación, ás 12.15 horas, Serafín Marcos realizará a intervención Begoña Caamaño, a voz das mulleres silenciadas, na porta do claustro do Concello, en homenaxe á escritora Begoña Caamaño.
A música e o lecer tamén terán un papel destacado nesta xornada festiva. Ás 13.00 horas, o grupo Jaitas Blues actuará na alameda. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o público infantil poderá gozar do espectáculo familiar de Peter Punk, Con lingua propia, unha proposta de circo, malabares e xogos cunha duración de 60 minutos, tamén na alameda.
A programación do día culminará ás 20.30 horas no Teatro Coliseo Noela co espectáculo Cantares atlánticos, no que o dúo artístico formado por Soledad Vidal e Aurelio Viribay presentará unha proposta que combina vídeo, creación escénica e concerto de canto e piano.
Finalmente, o sábado 23 ás 20.00 horas pecharase esta programación cultural cun Encontro de Corais en homenaxe ás Letras Galegas, organizado pola Coral Polifónica de Noia no propio Teatro Coliseo Noela.
A concelleira de Cultura subliñou que “esta programación reflicte o compromiso do Concello de Noia coa promoción da lingua e da cultura galega, pero tamén coa creación de espazos de convivencia arredor da cultura”, e animou a toda a cidadanía a participar nunhas actividades “pensadas para emocionar, aprender e compartir”.
- Adiós a otro comercio del casco histórico de Santiago: «Moita xente vén, proba, e logo compra nas plataformas»
- Cristina Pedroche se rinde a Galicia durante sus vacaciones: 'Me voy completamente enamorada ¿Me hacéis un hueco?
- Casi 9.000 gallegos llevan más de dos años sin trabajar pese al récord de empleo: qué hay detrás del paro de larga duración
- De la dirección de la Universidad de Santiago a la gestión del Centro de Supercomputación de Galicia: María Pilar Martínez García será la primera gerente del Cesga
- Más vivienda pública en Santiago: luz verde a un nuevo edificio de 33 pisos a precios asequibles
- Miles de personas agotan en apenas tres horas las existencias de la Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz
- Fly2Galicia pone a la venta vuelos a ocho destinos desde el aeropuerto de Santiago
- Termina la aventura de Muros en el Grand Prix: 'Mostramos a nosa vila nun programa de máxima audiencia