Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A VILA DO MAÑÁ

Marcos dourados para redescubrir Rianxo a través dos ollos da súa mocidade

O alumnado do IES Félix Muriel leva ás rúas unha proposta para mirar, fotografar e lembrar

Dúas estudantes do IES Félix Muriel entrevistando a unha rianxeira.

Dúas estudantes do IES Félix Muriel entrevistando a unha rianxeira. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Rianxo

O alumnado do IES Félix Muriel de Rianxo impulsou o proxecto A Vila do Mañá, unha acción urbana que busca activar unha nova mirada sobre algúns dos espazos máis significativos da vila.

A proposta consiste na colocación de marcos dourados en diferentes localizacións de Rianxo, que funcionarán como dispositivos simbólicos para enmarcar aqueles lugares que forman parte da identidade colectiva da vila.

A través destes marcos, a cidadanía é convidada a deterse, observar, fotografar e compartir novas lecturas do seu propio territorio.

Alumnas do IES Félix Muriel realizando entrevistas aos veciños.

Alumnas do IES Félix Muriel realizando entrevistas aos veciños. / Cedida

As localizacións escollidas para esta acción son a Praza de Rafael Dieste, o Campo de Abaixo e o porto de Rianxo, espazos vinculados á memoria, á cultura, á vida comunitaria e ás formas de habitar esta vila

Cada un dos marcos incorpora un código QR que conecta cunha nova localización, creando así un percorrido pola vila. Esta ruta permitirá desprazarse dun punto a outro e descubrir Rianxo a través da mirada do alumnado e das historias que habitan cada espazo.

A acción complétase cunha dimensión comunicativa e participativa nas redes sociais, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a compartir as súas fotografías baixo o cancelo: #RianxoéAViladoMañá.

Dous estudantes entrevistando na rúa á veciñanza.

Dous estudantes entrevistando na rúa á veciñanza. / Cedida

Ademais, o alumnado realiza entrevistas a persoas do lugar, recollendo relatos, lembranzas e formas de vivir estes espazos. "A intención é incorporar a voz da veciñanza ao proceso, entendendo que a vila non se constrúe só a través dos seus edificios ou prazas, senón tamén a través das experiencias, afectos e memorias das persoas que a habitan", afirman.

A acción desenvólvese no marco do proxecto A Vila do Mañá, beneficiario das Axudas a proxectos culturais con especial impacto social do Ministerio de Cultura. No caso de Rianxo, a actuación conta ademais coa colaboración e financiamento maioritario do Concello, que fai posible o desenvolvemento das actividades na vila.

Construción dun relato

Trátase dun proxecto que traballa coa infancia e a mocidade como axentes activos na análise, interpretación e transformación simbólica do territorio.

A través da arquitectura, o urbanismo participativo, a arte e a mediación cultural, o proxecto busca que as novas xeracións se impliquen na construción do relato da súa vila.

Con esta acción, "Rianxo convértese nun espazo para mirar de novo: un lugar onde o alumnado enmarca o que considera valioso, a veciñanza achega a súa memoria e a cidadanía participa na creación dunha nova cartografía afectiva da vila", subliñan desde o IES Félix Muriel.

Tracking Pixel Contents