PLENO
Ribeira aproba un orzamento de 34 millóns con máis de 5 M€ para investimentos
A alcaldesa asegura que permitirá maiores investimentos e máis benestar ecotas de emprego

María Sampedro e a concelleira Herminia Pouso explicando o orzamento. / Cedida
A Corporación de Ribeira aprobou o orzamento municipal de 2026, que ascende a 34.058.22’28 euros, o que supón un incremento de máis de 4 M€ respecto ao do pasado ano. As contas foron aprobadas con 13 votos a favor (PP, PBBI e 1 non adscrito) e 7 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e 1 non adscrito).
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, destacou que "con pouco máis de sete meses no mandato, este goberno foi quen de elaborar e presentar a proposta do orzamento de 2026. Fixémolo no 2025, con apenas 30 días no goberno, e volvémolo facer agora, porque entendemos que é un acto de responsabilidade. Sen orzamento, un concello queda practicamente paralizado".
A concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, asegurou que se equilibrarán as contas en consonancia co Plan Económico Financeiro (PEF), "cumprindo cos obxectivos de estabilidade, regra de gasto e endebedamento". Neste ano, dáse cumprimento ao PEF en 950.000 euros.
Orzamento expansivo
A rexedora cualificou o documento económico como "expansivo", pois, "permitirá maiores investimentos, maior benestar, maiores cotas de emprego e maior sustentabilidade. É dicir, coidamos aos veciños e atendemos servizos básicos de calidade como pavimentacións e iluminación".
Darase cobertura así a todos os gastos necesarios para manter a estrutura organizativa do Concello, principalmente gastos de persoal (28,66% do orzamento) e gastos correntes (47,60%), pero, sobre todo, "darase resposta ás demandas e necesidades da veciñanza de tódalas parroquias de Ribeira", engadiu Sampedro.
Máis de 5 millóns de euros en investimentos
O investimento ascende a 5.292.006,74 euros (un 15,54% do orzamento) para acometer actuacións como obras menores e pavimentacións nas parroquias; melloras nos colexios; o reforzo da iluminación nas vías públicas; a reposición da pasarela de madeira do paseo do Castro-A Catía; intervencións nas redes de saneamento e auga potable; ou a reparación do paseo marítimo do Touro-A Ameixida.
A maiores, recóllense outros proxectos a executar con cargo a fondos europeos e do POS+2026, que permitirán equipar ao municipio con novas infraestruturas, ademais de mellorar e aumentar as prestacións básicas. Destaca o incremento nas partidas de servizos como a conciliación e educación.
BNG: "Votamos en contra para protexer os recursos de todos"
O BNG votou en contra dos orzamentos por "responsabilidade coa veciñanza e para protexer os recursos de todos e todas”. O exalcalde e portavoz dos nacionaistas, Luís Pérez Barral, asegurou que deixaron o goberno "cun colchón histórico de 6,5 millóns de euros e proxectos nas parroquias por 1,5 millóns, e en sete meses o PP presenta un documento que pretende baleirar a carteira e deixar de lado os proxectos importantes".
Aclarou que a "cifra expansiva é grazas ao traballo rigoroso de captación de fondos externos desenvolvido polo BNG para impulsar Banda ao Río e Cerqueira".
Os nacionalistas acusan ao executivo local de desprezar ás parroquias, "destinando a mantemento, conservación e pavimentación apenas 350.000 euros, un ridículo 1% do orzamento total", e de reducir as partidas de abastecemento e saneamento. Pola contra, engaden, "aumenta en 782.000 euros o gasto corrente e prevé subir un cento de miles de euros a recadación por sancións de tráfico, até rozar os 300.000 euros. Van obrigar á Policía Local a recadar en multas máis que nunca", afirmou Pérez Barral.
Os nacionalistas cualificaron ademais de "inaudito" que o orzamento teña "cero euros" para licitar o polígono industrial de Pedras Vermellas.
PSOE: "Son contraditorios co discurso do goberno"
Pola súa banda, o PSOE xustificou o seu voto contrario ao considerar que son uns orzamentos "contraditorios co discurso do goberno local, non responden ás necesidades reais do municipio e evidencian unha redacción feita con présas, improvisación e falta de rigor".
O concelleiro Fran Suárez-Puerta, advertiu que o documento amosa unha clara distancia entre o que o goberno di e o que realmente fai. "Falan de seguridade, pero destinan só 300 euros á formación da Policía Local, reducen partidas vinculadas a vehículos e conservación, mentres aceptan subidas en alugueiros, seguros, fotocopiadoras ou estudos técnicos sen un destino suficientemente claro", sinalou.
“Ribeira precisa investimentos útiles, non partidas baleiras repetidas nin gastos que non resolven os problemas da veciñanza”, afirmou o voceiro socialista.
Alcaldesa: "Política barata do BNG e PSOE"
A alcaldesa, María Sampedro, cualificou o posicionamento do BNG e do PSOE como "política barata". Criticou a actitude "soberbia" dos nacionalistas "ao falar deste goberno como inquilinos na cada de todos os ribeirenses cando temos unha maioría sólida. Entón, pode entenderse que eles eran okupas ao contar só con cinco concelleiros".
Respecto ás críticas do PSOE, sinalou que "se o que máis destaca o señor Suárez-Puerta é o importe para a adquisición do cortacéspede para o campo de fútbol da Fieiteira, a formación socialista debería reflexionar sobre o proxecto de futuro que ten para Ribeira e como defendelo".
Sinalou ademais que "ninguén da oposición debe saber como se elaboran uns orzamentos, pero tampouco é de estrañar vendo que nas súas intervencións apenas se referiron ao contido do expediente".
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- El Último de la Fila hizo historia en Santiago con una de las citas musicales más esperadas del año
- Crónica social compostelana | Reunión de cuatro generaciones de la familia Rúa
- Lalín ultima la Festa do Corpiño que traerá devoción y verbena el día 23 y 24
- Luis Zahera cierra por todo lo alto las fiestas de Fontiñas: 'Seguide sendo ben de barrio, que eso non se perda
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- Miguel Ángel Arca recibe un homenaje tras casi 30 años como bombero en Santiago
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas