MEDIO AMBIENTE
Ecoloxistas e veciñanza únense en Lousame para restaurar o rego da Abelleira
A xornada rematará cun xantar de albaroque e música ao aire libre.

Brigada deseucaliptizadora traballando en Lousame. / Verdegaia
Coincidindo coa Semana de Acción pola Natureza, Ecoloxistas en Acción, as Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia e a Fundación Montescola organizan o vindeiro sábado 6 de xuño unha xornada de voluntariado ambiental para iniciar a restauración ecolóxica do bosque de ribeira do rego da Abelleira, no monte veciñal de Froxán, en Lousame.
A actuación permitirá abrir "unha nova fronte de eliminación de eucaliptos nunha área de grande valor ambiental, situada arredor do rego da Abelleira, que nace na turbeira de Campo de Lamas, espazo incluído no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia", subliñan os organizadores.
Plantación de frondosas
O obxectivo é recuperar a vexetación autóctona e crear as condicións necesarias para unha futura plantación de frondosas galegas que se realizará o próximo inverno.
A zona na que se desenvolverán os traballos resultou afectada polos grandes incendios forestais de 2006, polo que "esta intervención representa un novo paso no proceso de recuperación ecolóxica do territorio impulsado pola veciñanza e colectivos ecoloxistas", subliñan.
Xantar de albaroque e concerto
A xornada comezará ás 10.00 horas e contará coa participación de persoas voluntarias procedentes de diferentes puntos do país. Tras os traballos de restauración celebrarase o tradicional xantar de albaroque ao aire libre, como espazo de encontro e convivencia entre as persoas participantes.
A programación completarase cun concerto especial do grupo Barahúnda baixo a sombra dunha zona de frondosas xa restaurada. A formación presentará o seu libro-disco Fremosas, nunha actuación que combinará música, patrimonio cultural e defensa da natureza.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do xoves 4 de xuño enviando un correo electrónico a info@montescola.org.
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- El Último de la Fila hizo historia en Santiago con una de las citas musicales más esperadas del año
- Crónica social compostelana | Reunión de cuatro generaciones de la familia Rúa
- Lalín ultima la Festa do Corpiño que traerá devoción y verbena el día 23 y 24
- Luis Zahera cierra por todo lo alto las fiestas de Fontiñas: 'Seguide sendo ben de barrio, que eso non se perda
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- Miguel Ángel Arca recibe un homenaje tras casi 30 años como bombero en Santiago
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas