Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Setenta persoas estrean as andainas polo Camiño da ría de Muros-Noia do Club de Xubilados de Lousame

O prazo de inscrición para a próxima etapa, Fontefría-Bertamiráns, que terá lugar o domingo 7 de xuño, xa está aberto

Participantes na andaina organizada polo Club de Xubilados de Lousame.

Participantes na andaina organizada polo Club de Xubilados de Lousame. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Lousame

Gran participación na primeira etapa das andainas polo Camiño a Santiago da ría de Muros-Noia que organiza o Club de Xubilados de Lousame, en colaboración co Concello. Setenta persoas tomaron parte na primeira camiñata, que tivo lugar este domingo entre Portobravo e Fontefría. Unha participación moi significativa, xa que a media de participación en anteriores edicións era de cincuenta persoas.

O tempo acompañou e foron moitas as persoas que se animaron a facer este percorrido de 13 quilómetros seguindo a beira do río Vilacoba ata San Xusto. A andaina estivo guiada polo técnico municipal de Deportes, Germán Romero, mentres que o técnico municipal de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, pechaba a expedición, para que a xente puidera facer o percorrido ao ritmo que lle resultase máis accesible.

A pesar de ser a etapa tecnicamente máis complicada, polas características do terreo, non houbo que lamentar incidencia ningunha. A etapa foi fiel á súa fama como unha das máis fermosas desta ruta xacobea, tanto polas fermosas e continuas paisaxes de bosque de ribeira como polos elementos patrimoniais presentes (papeleiras de Brandia, mosteiro de Toxosoutos...) rematando nas fervenzas de Toxosoutos.

Próxima etapa

Por outra banda, o Club de Xubilados de Lousame abriu este luns as inscricións para a segunda etapa, que terá lugar o domingo 7 de xuño, entre Fontefría e Bertamiráns.

“É a etapa máis sinxela porque é practicamente chan ou con pendente descendente na súa maioría e xa se pode levar calzado normal porque vai por pistas forestais e asfalto”, puntualiza Germán Romero.

As inscricións están abertas no Club de Xubilados de Lousame, na páxina web www.bandoticket.com ou enviando un whatsapp ao número 653 221 655. O prezo por participar é de 5 euros, que serve para custear o autobús para levar aos camiñantes do punto de encontro (a Praza Teodomiro Hidalgo de Lousame) a Fontefría e para traelos de volta dende Bertamiráns.

Finalmente, o domingo 14 de xuño terá lugar a derradeira etapa entre Bertamiráns e a Praza do Obradoiro, 14 km de dificultade media, xa que hai algunha pendente, pero non moi pronunciada. 

Tracking Pixel Contents