Cento sesenta e tres mariscadoras de Boiro e 71 de Muros participarán no plan para rexenerar os bancos
Acometerán traballos nos areais muradáns de Castelo e Esteiro, e nos boirenses de Barraña, arrecife das Marxas, Retorta, Ladeira do Chazo e Mañóns

Daniel Formoso e Marta Villaverde, este luns en Muros. / Cedida
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou este luns co patrón maior da confraría de Muros, Daniel Formoso, o convenio de colaboración que activa o plan de restauración ambiental das súas zonas produtivas.
Cun orzamento de 352.403,10 euros, financiado integramente pola Administración autonómica, este acordo supón un paso firme na cogobernanza ao executar as accións deseñadas polo propio sector para paliar a mortaldade de bivalvos do inicio do ano.
A firma impulsa un compoñente social crucial, xa que permite compensar con ata 700 euros mensuais as persoas mariscadoras que participan nestes labores de rexeneración, destinando máis do 89% do importe total do convenio directamente ao pago destas compensacións.
Villaverde contrapuxo esta axilización de fondos autonómicos co "inmobilismo" do Estado, censurando que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións aínda non materializase as exencións de cotas demandadas por Galicia en marzo.
"O Goberno galego fixo os seus deberes activando este plan de choque, pero a desidia do Goberno central mantén Galicia —declarada zona gravemente afectada polo temporais— sen axudas estatais, o que supón unha discriminación fronte a outras comunidades", criticou.
Con esta sinatura, a confraría de Muros convértese na terceira entidade galega en formalizar o seu convenio bilateral coa Consellaría do Mar, sumándose ás de Noia e Vilaxoán, que xa rubricaron os seus respectivos plans de actuación.
Este acordo forma parte do fondo extraordinario de 22,7 de millóns de euros mobilizado polo Goberno galego -cofinanciado nun 70% a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa)—, un programa de choque ao que se sumarán novas entidades a medida que completen a tramitación técnica para devolver a máxima produtividade ao noso litoral.
Rexeneración e sementeiras
O proxecto técnico prevé a mobilización progresiva de ata 71 profesionais e centrarase nas zonas produtivas da praia do Castelo e os bancos da enseada de Esteiro (praia de Esteiro e desembocadura do río Maior).
O plan de traballo estrutúrase a través de labores manuais de descompactación e osixenación do substrato para optimizar o asentamento dos bivalvos, complementados coa retirada de algas ou cunchas e a clasificación do lixo mariño para o seu posterior tratamento ecolóxico.
Asimesmo, o documento subscribe o obxectivo de incrementar a biomasa dos bancos mediante sementeiras a comezos de outubro. O plan complétase cun programa bimensual de mostraxes e seguimento biolóxico, quendas de vixilancia diaria de catro horas nas baixamares diúrnas e accións formativas específicas orientadas á aprendizaxe de técnicas de semicultivo e á identificación precoz de especies exóticas invasoras.
Por outra banda, o Consello da Xunta deu luz verde este luns á autorización para asinar dous novos convenios de colaboración, na mesma liña, coas confrarías de Pastoriza (Vilanova de Arousa) e Cabo de Cruz (Boiro).
Ambas as dúas iniciativas mobilizan unha partida conxunta de 1.848.319,11 euros sufragada ao 100% pola Administración autonómica.
O proxecto técnico deseñado pola confraría boirense dispón dun orzamento total de 1.370.795,97 euros e artellarase a través da implicación progresiva de ata 163 profesionais a pé.
O ámbito de acción terá unha superficie global de 2.040.388 metros cadrados que abrangue os bancos de Barraña, Arrecife das Marxas, Retorta, Ladeira do Chazo e a praia de Mañóns.
Entre as medidas elixidas pola entidade destaca a remoción e descompactación mecánica e manual do substrato co apoio dun tractor e un limpapraias, quendas de vixilancia diúrna e nocturna con vehículos, tarefas de rareos para regular as densidades de moluscos e un programa de cinco xornadas formativas.
No eido produtivo, acometerase a sementeira de 2,3 millóns de unidades de ameixa fina e babosa distribuídas por sectores, cun seguimento científico bimonitorizado para avaliar as taxas de supervivencia.
Pola súa banda, o documento aprobado coa entidade vilanovesa está dotado con 483.597,63 euros e prevé a mobilización de ata 65 mariscadoras a pé, que sumarán 144 xornadas coordinadas de traballo.
O plan intervirá sobre unha superficie protexida de 1.086.872 metros cadrados repartidos en seis grandes bancos intermareais situados entre os distritos de Esteiro de Vilamaior, As Sinas, As Carballas-O Bote e Castelete-O Rego.
O catálogo de actuacións técnicas prioriza o labor manual nas áreas de maior densidade e reserva o uso do tractor ou maquinaria de chorros desde embarcación para reverter as zonas con maior tendencia ao xerar lodo.
Tamén recolle a vixilancia diaria de catro horas en baixamar, o control manual e mecánico de macroalgas e depredadores (incluíndo raeiras de ouxas en preamares), a sementeira de 650.000 unidades de ameixa babosa e a realización de cursos específicos.
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- El Último de la Fila hizo historia en Santiago con una de las citas musicales más esperadas del año
- Crónica social compostelana | Reunión de cuatro generaciones de la familia Rúa
- Lalín ultima la Festa do Corpiño que traerá devoción y verbena el día 23 y 24
- Luis Zahera cierra por todo lo alto las fiestas de Fontiñas: 'Seguide sendo ben de barrio, que eso non se perda
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- Miguel Ángel Arca recibe un homenaje tras casi 30 años como bombero en Santiago
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas