A Xunta instalará nun areal do Porto do Son un refuxio climático para persoas con problemas de mobilidade
A localidade foi elixida para un proxecto piloto, xunto con Viveiro e Baiona
O Concello proporá as praias do Cruceiro e de Coira

Imaxe de arquivo da praia sonense de Coira. / Turismo.gal
A Xunta de Galicia porá en marcha este verán un proxecto piloto de praias inclusivas a través da instalación de estruturas climáticas sostibles e integradas na paisaxe que servirán de refuxio ás persoas con problemas de mobilidade en caso de condicións climáticas adversas, como poden ser vagas de altas temperaturas.
O Consello da Xunta coñeceu este luns este proxecto, que comezará a desenvolverse este ano en tres areais de concellos representativos das provincias costeiras: O Porto do Son, Viveiro (Lugo) e Baiona (Pontevedra).
Así, unha vez que os concellos comuniquen as praias seleccionadas para acoller estas estruturas, asinaranse os correspondentes protocolos de colaboración entre a Xunta e as administracións locais co obxectivo de que estas instalacións climáticas estean á disposición da cidadanía no vindeiro mes de xullo.
O alcalde sonense, Luís Oujo, dixo que o Concello proporá dúas praias: a do Cruceiro (no núcleo urbano do Porto do Son) e a de Coira (no núcleo de Portosín).
Técnicos da Xunta desprazaranse este martes ata ambas as praias para analizar a posible ubicación xunto con técnicos municipais.
Esta iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que conta cun orzamento de 85.000 euros, contribúe a dar resposta a exixencias vinculadas a distintivos de calidade ambiental, como a Bandeira Verde e a Bandeira Azul, xa que melloran as condicións de accesibilidade, sostibilidade e confort nos espazos públicos.
Nese senso, con esta actuación avánzase na creación de contornas máis inclusivas, resilientes e adaptadas ás necesidades da cidadanía, promovendo a igualdade de oportunidades no uso do espazo público.
En concreto, estas estruturas climáticas contarán con accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeiras de rodas, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e seguridade.
Este proxecto piloto, que se enmarca nas iniciativas que a Xunta está a poñer en marcha no marco da Lei de xestión e ordenación integrada do litoral de Galicia (Loxilga), é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por uns servizos de tempada de calidade e respectuosos coa paisaxe e co ambiente.
De feito, para este 2026, o primeiro xestionado de forma íntegra pola Xunta, outorgáronse títulos habilitantes para case 800 servizos e instalacións, tanto no dominio público marítimo-terrestre como en servidume de protección, para postos de praia, terrazas, casetas de salvamento, duchas e pasarelas, hamacas, antucas, hidropedais, caiacs, escolas de surf, etc.
No caso concreto dos postos de praia, e no marco desa aposta por impulsar medidas de mellora ambiental e paisaxística do litoral, o Goberno galego fixo un concurso de ideas para deseñar un prototipo que sirva de modelo para que estes establecementos hostaleiros sexan máis sostibles, eficientes, accesibles e integrados na paisaxe litoral.
De feito, a maiores, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convocou unha liña de axudas para impulsar prácticas sostibles neste tipo de establecementos.
Todas estas iniciativas desenvolven o obxectivo da Loxilga de ordenar os usos do dominio público marítimo-terrestre desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica, garantindo a protección dos ecosistemas costeiros e un desenvolvemento sostible.
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- El Último de la Fila hizo historia en Santiago con una de las citas musicales más esperadas del año
- Crónica social compostelana | Reunión de cuatro generaciones de la familia Rúa
- Lalín ultima la Festa do Corpiño que traerá devoción y verbena el día 23 y 24
- Luis Zahera cierra por todo lo alto las fiestas de Fontiñas: 'Seguide sendo ben de barrio, que eso non se perda
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- Miguel Ángel Arca recibe un homenaje tras casi 30 años como bombero en Santiago
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas