CAMPAÑA
A Noite Aberta de Boiro repartirá 1.500 gafas para ver o eclipse
O comercio local abrirá o sábado ata as 22.00 horas e ofrecerá descontos e premios

Roberto Lojo, esquerda, José Ramón Romero e Daniel García presentando a campaña. / C. B.
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) presentou esta mañá unha nova edición da Noite Aberta de Boiro, que se celebrará o vindeiro sábado 13 de xuño e que nesta ocasión estará inspirada no eclipse solar previsto para o próximo mes de agosto. O alcalde, José Ramón Romero, participou a presentación xunto co xerente da ABE, Daniel García.
Baixo o lema de edición especial Eclipse, os establecementos participantes ofrecerán durante toda a xornada descontos, promocións e actividades especiais dirixidas á clientela, culminando cunha apertura comercial extraordinaria ata as 22.00 horas. Ademais das accións organizadas polos propios negocios, as rúas da localidade contarán con diferentes elementos de animación para crear un ambiente festivo e atractivo para veciños e visitantes.
Charanga itinerante
Como complemento á programación, o Concello de Boiro colaborará coa campaña organizando a partir das 20.00 horas unha actuación itinerante da charanga St. James Dixie Band, que percorrerá as principais rúas comerciais da vila contribuíndo a dinamizar o ambiente durante a tarde e a noite.
A principal novidade desta edición é que se repartirán entre os clientes un total de 1.500 gafas especiais para a observación do eclipse solar, convertendo esta iniciativa nunha oportunidade para promocionar o comercio local ao tempo que se difunde un dos acontecementos astronómicos máis esperados dos últimos anos.
A programación incluirá tamén unha Ruleta da Sorte Especial Eclipse, na que os clientes poderán participar presentando os seus tíckets de compra por importe igual ou superior a 10 euros realizados nos negocios adheridos. Todos os participantes obterán premio directo, xa que a organización dispón de máis de 1.500 agasallos.
Ademais, os asistentes poderán desfrutar dun posto de palomitas mediante os vales distribuídos polos establecementos participantes, contribuíndo a crear un ambiente de lecer e animación nas rúas durante toda a tarde.
Os negocios participantes estarán identificados coa imaxe oficial da campaña e decorados con globos en cores rosa e negro, recreando a estética do eclipse e convertendo as rúas comerciais nun espazo atractivo e recoñecible para a clientela.
Colaboración de Barbantea
A Noite Aberta contará tamén coa colaboración da Asociación Barbantea, que instalará un punto informativo na zona comercial. Neste espazo realizarase unha exposición do libro Vítor é autista, habilitarase un punto para a recollida de donativos e ofrecerase un servizo gratuíto de préstamo de cascos antirruído para todas aquelas persoas que os precisen por motivos de hipersensibilidade auditiva, contribuíndo así a facer da xornada unha actividade máis inclusiva e accesible para toda a cidadanía.
O presidente da ABE, Daniel García, destacou que "a Noite Aberta é unha das accións máis importantes do calendario comercial de Boiro xerando movemento nas rúas e ofrecendo unha experiencia diferente aos clientes. Este ano queremos que a temática do eclipse converta a xornada nun evento atractivo para toda a familia".
Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, puxo en valor "o traballo que realiza a ABE ao longo de todo o ano para dinamizar a actividade económica local e fomentar o consumo de proximidade. O comercio é unha peza fundamental da vida social e económica de Boiro e iniciativas como esta contribúen a reforzar a súa competitividade e capacidade de atracción".
- Detenido un lucense tras atropellar intencionadamente a un vecino de Bertamiráns que falleció horas después
- La política gallega, 'cerrada por vacaciones': de la ruta en moto por Portugal de Rueda a los días de Pontón en A Illa de Arousa y de Besteiro en A Mariña
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Detenidos los miembros de una banda que robaba a personas mayores en aparcamientos de Ames con el método de 'la siembra
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- La Guardia Civil investiga como asesinato el atropello intencionado de Bertamiráns al apreciar indicios de alevosía
- Retorno a las raíces para desconectar de Raxoi