Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

XORNADAS DE CULTURA MARIÑEIRA

Sés e Tona poñerán banda sonora ao Muros Mira ao Mar

Completa a programación un festival de folclore galego-portugués

Sés actuará o día 10 de xullo na Praza do Curro de Muros.

Sés actuará o día 10 de xullo na Praza do Curro de Muros. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muros

As XXI Xornadas de Cultura Mariñeira Muros Mira ao Mar, que se celebrarán do 10 ao 12 de xullo, contarán cunha destacada programación musical que combinará propostas de referencia da música galega actual coas tradicións folclóricas de ambas beiras do Miño.

O venres 10 de xullo, o Curro da Praza acollerá o concerto de Sés, unha das artistas máis recoñecidas e influentes da música galega contemporánea. A cantante e compositora coruñesa leva máis dunha década construíndo unha sólida traxectoria artística caracterizada por un estilo propio que combina rock, blues, canción de autor e músicas de raíz. As súas letras, comprometidas coa realidade social e coa defensa da lingua e da cultura galega, convertérona nunha das voces máis singulares do panorama musical actual.

A programación continuará o sábado 11 de xullo coa actuación de Tona, unha das bandas liderada por Miguel Cernadas, veciño de Muros. O grupo presenta unha proposta musical que mestura música tradicional e rock.

Cartel promocional do concerto de Tona.

Cartel promocional do concerto de Tona. / Cedida

A música tradicional será a protagonista da xornada de peche das xornadas. O domingo 12 de xullo, o Curro da Praza acollerá o tradicional Festival Folclórico, unha cita xa consolidada dentro da programación de Muros Mira ao Mar e que serve de punto de encontro para agrupacións dedicadas á conservación e difusión da música e do baile tradicional.

Nesta edición participarán a Asociación Folclórica Ximiela, de Muros, entidade anfitrioa cunha ampla traxectoria; a Agrupación Cultural Rosalía de Castro, procedente de Teo, referente no ámbito da música e do baile tradicional; e a asociación portuguesa Amendoeiras em Flor, que achegará ao festival unha mostra do folclore e das tradicións musicais do norte de Portugal, fortalecendo os vínculos culturais entre ambos territorios.

Cartel promocional do Festival Folclórico.

Cartel promocional do Festival Folclórico. / Cedida

As actuacións de Sés e Tona forman parte da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña, un programa que ten como obxectivo promover o acceso á cultura nos concellos da provincia e apoiar a difusión do traballo de artistas e formacións musicais galegas.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destacou que "a programación musical de Muros Mira ao Mar mostra a diversidade cultural que caracteriza estas xornadas, combinando propostas contemporáneas de gran calidade con expresións artísticas vencelladas ao noso patrimonio inmaterial".

Sinalou ademais que "a colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña permite achegar ao público artistas de primeiro nivel, mentres que o Festival Folclórico continúa sendo un espazo fundamental para a preservación e difusión das nosas tradicións".

TEMAS

Tracking Pixel Contents