Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis de mil persoas da comunidade educativa de Boiro participaron no plan para a mellora da seguridade nos centros de ensino

A taxa de criminalidade no municipio é inferior á media estatal, con 45 delitos por cada mil habitantes

Abalde e Romero presidindo a Xunta Local de Seguridade de Boiro.

Abalde e Romero presidindo a Xunta Local de Seguridade de Boiro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Boiro

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu este martes a Xunta Local de Seguridade do Concello de Boiro xunto co alcalde, José Ramón Romero, nunha reunión na que se analizaron os datos de seguridade correspondentes ao último ano e se coordinaron os dispositivos e medios dispoñibles para afrontar a época estival. 

Durante o encontro constatouse que Boiro mantén unha taxa de criminalidade inferior á media estatal, con 45 delitos por cada mil habitantes. Ademais, os datos do primeiro cuadrimestre de 2026 reflicten unha evolución positiva, cun descenso considerable tanto dos delitos como das infraccións penais rexistradas no concello. 

Julio Abalde destacou que estes resultados “reflicten o bo traballo desenvolvido pola Garda Civil e a estreita colaboración co Concello de Boiro para garantir a seguridade da cidadanía”.

O subdelegado engadiu que “a colaboración entre administracións e forzas de seguridade é fundamental para seguir avanzando nun concello seguro e cunha convivencia de calidade”.

Durante a xunta, púxose de relevo o incremento do plantel do posto da Garda Civil da Pobra do Caramiñal, que dá cobertura a Boiro, no que se vai duplicar o número de efectivos.

Con respecto ao dispositivo para as festas de verán, do 3 ao 8 de xullo, o alcalde explicou que están valorando instalar un Posto de Mando Avanzado cun sistema de vixilancia específica para eses días nos lugares en que se desenvolverán as festas.

Plan director

Durante a reunión tamén se presentaron os resultados do Plan director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas, unha iniciativa do Ministerio do Interior desenvolvida en Boiro pola Garda Civil. 

No último curso participaron seis centros educativos do municipio, cun total de 1.008 persoas da comunidade educativa, entre alumnado, profesorado e familias.

En total realizáronse 48 actividades formativas e de sensibilización, das que 14 estiveron centradas nas tecnoloxías da información, internet e ciberseguridade, e outras 14 abordaron cuestións relacionadas co acoso escolar e o ciberacoso.

O resto trataron aspectos como o consumo de drogas e alcohol, as adiccións comportamentais vinculadas ás apostas e aos videoxogos, a violencia de xénero e a violencia e o maltrato no ámbito familiar. 

Julio Abalde aproveitou a súa intervención para poñer en valor os resultados acadados polo Plan director en toda a provincia da Coruña durante 2025. Ao longo do ano participaron 349 centros educativos, o que representa o 75% dos existentes na provincia e supón un incremento do 5% respecto ao exercicio anterior.

Ademais, máis de 49.000 persoas tomaron parte nas actividades impulsadas pola Policía Nacional e a Garda Civil. 

“O Plan director é unha ferramenta fundamental para previr situacións de risco e promover valores de convivencia, respecto e uso responsable das novas tecnoloxías entre a mocidade”, destacou o subdelegado. 

Seguimento da violencia de xénero

Outro dos asuntos abordados na Xunta Local de Seguridade foi a coordinación das actuacións en materia de violencia de xénero. O Concello de Boiro está integrado no Sistema VioGén, impulsado polo Goberno de España para o seguimento e protección das vítimas. 

Na provincia da Coruña están activos actualmente 2.674 casos de violencia de xénero. Neste contexto, Julio Abalde reiterou o compromiso do Goberno coa protección das vítimas e coa colaboración institucional para mellorar os mecanismos de prevención, seguimento e atención. 

No marco desta política pública, o Concello de Boiro recibiu desde 2018 un total de 63.228 euros procedentes dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Desa contía, 14.655 euros corresponden á asignación recibida no ano 2025 para o desenvolvemento de actuacións de prevención e sensibilización.

Tracking Pixel Contents