Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CELEBRACIÓNS

Café Quijano, Panorama, París de Noia, Olympus, Catuxa Salom e Fillas de Cassandra nas festas do verán de Ribeira

A programación combinará tradición mariñeira, gastronomía, deporte e espectáculos pirotécnicos

Fernando Abraldes, esquerda, María Sampedro e José Alonso presentando as festas.

Fernando Abraldes, esquerda, María Sampedro e José Alonso presentando as festas. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ribeira

Recoñecidos artistas e orquestras do panorama autonómico e nacional animarán as festas do verán de Ribeira. Así o anunciaron a alcaldesa, María Sampedro; o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes; e o presidente da comisión de festas, José Alonso, na presentación da programación.

Cartel promocional das festas do verán de Ribeira 2026.

Cartel promocional das festas do verán de Ribeira 2026. / Cedida

O programa arrancará o 29 de xullo, co Día do Tecido Social e a Cidadanía, no que se ofrecerá o pregón, ás 21.30 horas, dende a praza do Concello. A orquestra Panorama será a encargada de abrir musicalmente a primeira xornada na explanada da lonxa vella.

Pola mañá haberá ruada cun grupo de música tradicional, campionato de xadrez na Casa da Xuventude, ás 11.00 horas; e un espectáculo familiar de Pablísimo: Cabicivai, na praza de Porta do Sol, e pola tarde terá lugar unha exhibición de taekwondo con Natural Sport na praza do Concello.

Inauguración da escultura de Jontxu Argibay

A protagonista do xoves, 30 de xullo, será a orquestra París de Noia no Día da Emigración. A verbena será ás 23.00 horas, no Malecón. Unha ruada, o concerto familiar Brinca vai, de Paco Nogueiras, e a inauguración da exposición de escultura Mulleres, de Jontxu Argibay, no Centro Cultural Lustres Rivas completarán a xornada.

No Día da Mocidade e Poboación Infantil, o venres, 31 de xullo, o ritmo da noite virá marcado pola orquestra Olympus no Malecón, e o Ribeira Urban Fest, na explanada da lonxa vella, con Lg1do como cabeza xunto a outros DJ. Non faltarán tampouco a ruada; o mercadiño solidario de A Creba, na rúa Rosalía de Castro; o gran parque de inchables, no parque García Bayón; a sesión vermú con Chiña, na praza de Vigo; o torneo 3x3 de baloncesto; e a festa da escuma.

Degustacións e procesión marítima

O sábado, 1 de agosto, Día da Virxe do Carme dedicado á xente do mar, conta tamén cunha ampla oferta de actividades. Comezará cun circuíto sensorial de Ágape, na praza do Concello, e unha gran sardiñada en Bandourrío amenizada por Drippers, coa colaboración da asociación do barrio ribeirense. Na praza dos Mariñeiros, ofrecerase unha degustación gratuíta de peixe promovida pola OPP83 Sociedade Galega Cooperativa do Mar Santa Uxía, coa financiación da Xunta e o FEMPA.

Pola tarde será o momento da misa solemne na honra da Virxe do Carme cantada pola Coral do Circuíto Mercantil de Ribeira, ás 18.30 horas, na lonxa nova. Despois, sairá a procesión marítima e terrestre coa actuación das Cantareiras de Amas de Casa de Ribeira. No desenvolvemento deste oficio colaboran Alfaia e Amas de Casa.

A partir das19.30 horas disputarAse o trofeo de fútbol no campo municipal da Fieiteira, e a música da noite virá da man da orquestra Miramar, no Malecón, e o concerto de Café Quijano, ás 23.30 horas, na praza de España. A maiores, Planet Discomóbil e Mateo Abelleira actuarán na praza de Pontevedra, ás 01.00 horas.

Concertos de Catuxa Salom e Fillas de Cassandra

O domingo, 2 de agosto, Día dos Maiores, celebrarase o Orballo Cultural, na praza de España, cos concertos de Catuxa Salom e Fillas de Cassandra. Tamén soará Nueva Línea, ás 00.30 horas, no Malecón, e, ás 02.00 horas, o DJ Rafa Astray. A xornada contará tamén con ruada, sesión vermú con música dos 80 e 90, Dani Fontaíña. Pola tarde está prevista unha quedada linedance con Taller Alecrín e Dani Fontaíña, na praza do Concello, ás 20.00 horas.

O espectáculo de fogos de artificio, ás 00.00 horas, dende o paseo do Touro porá o broche de ouro ás festas. Ademais, haberá un servizo de préstamo de cascos de redución do ruído a cargo de BarbanTEA, a carón do edificio de Cruz Vermella, no Malecón.

Celebracións inclusivas

Como xa é tradición, o luns celebrarase o Día do Neno e da Nena e todas as atraccións de feira terán prezos populares. O horario sen música e ruído para a inclusividade de persoas neurodiverxentes ou con sensibilidade sensorial e auditiva será todos os días, de 20.00 a 21.30 horas, na zona das atraccións, coa colaboración de Ágape, BarbanTEA e os feirantes.

A rexedora manifestou que é un cartel "feito con moito cariño, ilusión e ganas, e será un reclamo turístico, cultural e musical". Pola súa parte, Abraldes agradeceu a implicación da cidadanía e dos negocios para sacar este programa adiante, así como o traballo de todo o equipo da comisión de festas.

Tracking Pixel Contents