Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Noia renova as redes de saneamento e o pavimento das rúas Brasil e Lorenzo de Armada

A execución dos traballos por parte de operarios municipais permítelle ao Concello aforrar 45.000 euros neste proxecto

Traballos de pavimentación na rúa Brasil de Noia.

Traballos de pavimentación na rúa Brasil de Noia. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Noia

O Concello de Noia vén de finalizar as obras de renovación das redes de saneamento e pavimentación nas rúas Brasil e Lorenzo de Armada.

O proxecto de renovación do saneamento contaba cun orzamento inicial próximo aos 90.000 euros. Porén, a execución dos traballos mediante operarios municipais permitiu reducir o custo ata os 45.000 euros, o que supón un aforro de aproximadamente 45.000 euros para as arcas municipais, practicamente un 50% menos do previsto inicialmente.

Os traballos consistiron na execución dunha rede separativa de augas fecais e pluviais, unha actuación estratéxica para resolver parcialmente un dos principais problemas que viña sufrindo o bombeo de San Lázaro.

Ata o de agora, ao tratarse dunha rede unitaria, as intensas precipitacións incrementaban notablemente o caudal que chegaba ao bombeo, provocando avarías e comprometendo o correcto funcionamento da instalación.

Coa nova rede separativa, as augas pluviais deixarán de incorporarse ao sistema de saneamento, evitando a súa condución ata a estación de bombeo e contribuíndo a un funcionamento máis eficiente da infraestrutura.

Deste xeito, redúcese o risco de incidencias, diminúen os custos de mantemento e mellórase o rendemento da rede.

A maiores, aproveitando a actuación, levouse a cabo a pavimentación completa das rúas Brasil e Lorenzo de Armada, cun investimento adicional de 40.000 euros, financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

O concelleiro de Obras e tenente de alcalde, Manolo Seijas, destacou que "esta actuación é un exemplo de como unha boa planificación e a implicación do persoal municipal permiten facer máis con menos recursos. Conseguimos resolver un problema estrutural do saneamento, mellorar o estado da vía e aforrar preto de 45.000 euros de diñeiro público, que poderá destinarse a outras necesidades do municipio".

Seijas engadiu que "seguimos priorizando actuacións que non sempre son visibles, pero que resultan fundamentais para garantir un servizo de saneamento máis eficiente e reducir as incidencias que durante anos sufriron distintos puntos da rede municipal".

Pola súa banda, o alcalde de Noia, Francisco Pérez, sinalou que "o Goberno municipal mantén o seu compromiso de continuar investindo na renovación das infraestruturas básicas do municipio, tanto no saneamento como na mellora dos viais. Estas actuacións permiten ofrecer mellores servizos á veciñanza, optimizar os recursos públicos e preparar Noia para o futuro con infraestruturas máis modernas e eficientes".

Con esta intervención, o Concello de Noia avanza no seu plan de mellora da rede municipal de saneamento, apostando pola separación das augas pluviais e fecais como unha medida clave para aumentar a eficiencia das instalacións, reducir avarías e mellorar a protección ambiental, ao tempo que continúa renovando o firme das rúas para incrementar a seguridade e a calidade dos espazos públicos.

TEMAS

Tracking Pixel Contents