Da arte rupestre á arte urbana: comeza en Rianxo o festival de muralismo Viladomar
Lula Goce, Agustina Shuan e Alejandro Mosquera embelecerán distintos espazos da vila inspirándose nun petróglifo da zona

Pola esquerda, Julián Bustelo con Noel Pérez, Sara C. Lojo e David Cuence, membros da organización do festival. / Cedida
Comeza en Rianxo unha nova edición do festival Viladomar. Ata o 11 de xullo, a vila volve acoller novas intervencións murais e unha programación que converterá a localidade nun punto de encontro coa arte pública e a creación contemporánea.
Impulsado pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas en colaboración co Concello e a Deputación da Coruña, Viladomar incorpora este ano ao seu museo ao aire libre tres novas obras da man de Lula Goce, Agustina Shuan e Alejandro Mosquera.
Lula Goce realizará a súa intervención na Martela (rúa Gudiños); Agustina Shuan pintará un novo mural en Atalaia (Asados); e Alejandro Mosquera intervirá na aldea de Buhía, ampliando así o percorrido artístico que o festival leva construíndo desde hai sete edicións.
A identidade desta edición inspírase nun petróglifo da contorna de Rianxo e propón unha reflexión ao redor dos símbolos e das pegadas que permanecen no tempo, establecendo un diálogo entre as primeiras formas de representación e a creación artística contemporánea.
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, destaca que “despois de todo este camiño iniciado en 2018, os murais xa forman parte da paisaxe e do patrimonio rianxeiro. Con cada nova edición aumenta o catálogo destas espectaculares obras e, con el, tamén a importancia de Rianxo no muralismo galego".
"Cómpre destacar o orgullo da veciñanza polo proxecto e a implicación cada vez maior da comunidade local. O muralismo xa é parte de Rianxo”, engadiu o rexedor.
Máis alá dos murais
Ao longo destes días, veciñanza e visitantes poderán seguir de preto o proceso de creación dos murais e descubrir como as obras van tomando forma ata integrarse no museo ao aire libre de Viladomar.
Entre as novidades desta edición destaca tamén a realización dun mural colaborativo xunto á asociación As Púrpuras, unha proposta que se desenvolverá ao longo do festival e que reforza a aposta de Viladomar pola creación compartida e a participación da comunidade.
A programación completarase cunha masterclass impartida por Camilo Seira, na que o artista amosará o proceso de creación dun mural elaborado con musgo, así como cunha xornada especial de peche o 11 de xullo, organizada en colaboración con Rock in Rian.
Ao longo dese día celebraranse dous roteiros teatralizados polos murais de Rianxo, un percorrido en barco pola ría e unha programación musical que despedirá esta sétima edición do festival.
- El pub de Santiago donde empezaron Tosar y Zahera gana un Solete Repsol: 'De aquí ha salido gente que ha llegado muy lejos
- La respuesta de un barrio de Santiago al calor: 'Baixa a túa cadeira, algo de merendar e quedamos á fresca
- Éxito rotundo: la práctica totalidad de las 34 viviendas subastadas en Palmeira ya tienen dueño
- De Mazaricos a Trazo, Touro o Santa Comba: Galicia ya tiene 68 municipios con más vacas que vecinos
- Radiografía del lujo en Santiago: una veintena de viviendas a la venta por más de un millón de euros
- Boqueixón vende ya el equivalente a 850 bañeras de agua al día a Touro para asegurar la traída de centenares de vecinos
- El Monbus Obradoiro ata a Leo Meindl como primer fichaje para su regreso a la ACB
- Ames presenta el cartel de las fiestas de Bertamiráns y Milladoiro