Rianxo ambientará as rúas este verán a ritmo de rock, jazz e música tradicional galega
As festas da xouba e do mexillón, as feiras de libros e de videoxogos ou o ciclo de bandas son outras das propostas da programación cultural

Pola esquerda, Carlos Ces, Julián Bustelo, Bernal Muíños e Julio Alcalde. / Cedida
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, presentou a variada programación cultural e de ocio para este verán no municipio, que inclúe concertos de jazz, rock e música tradicional, espectáculos de animación nas rúas e citas gastronómicas, entre as moitas propostas deseñadas para público de todas as idades.
A Feira do Libro celebrarase do 23 ao 26 de xullo, organizada pola Federación de Librarías de Galicia e o Concello. A inscrición aínda está aberta, pero agárdase unha participación similar á do ano pasado, cun mínimo de sete casetas.
O festival de muralismo Viladomar xa está en marcha, e prolongarase ata o once de xullo.
Unha das citas máis agardadas é a feira de videoxogos Rianxo Gaming (11 de xullo), pensada para a mocidade e enfocada á gamificación a través das novas tecnoloxías.
No eido gastronómico, terán lugar a Festa da Xouba, do 22 ao 26 de xullo, e a XV Festa do Mexillón (1 e 2 de agosto).
No eido musical, o festival Noites de Jazz inclúe concertos do 28 ao 31 de xullo, pero tamén un curso de Big Band. Serán os integrantes da Big Band da Escola de Música de Rianxo (EMR) os que abran este festival co cuarteto de José Nine.
O II Ciclo de Concertos da Banda Xuvenil da Escola de Música de Rianxo, un proxecto que comezou o ano pasado, levará aos músicos máis novos da Escola de Música de Rianxo por todas as parroquias do concello, mentres que no XXI Ciclo de Bandas de Música participarán as bandas de Noia (18 xullo) e Serra de Outes (19 xullo), xunto coa EMR, que porá un excepcional peche cun concerto de bandas sonoras de cinema infantil o día 25 de xullo.
A música e a danza tradicionais teñen tamén oco no programa cultural deste verán co XXII Festival da A. C. Fogo Fatuo (4 de xullo) ou o espectáculo Danza 3, con presencia da Agrupación O Fiadeiro (26 de xullo).
A música galega chegará tamén con Residuos atractivas, na romaría de San Pedro de Vilas (4 de xullo), A banda das Crechas, Un país en mil foliadas (15 de xullo) ou Faltriquiera (7 de agosto).
O 23 de xullo haberá unha charla sobre a eclipse de sol do 12 de agosto. Trátase dunha proposta de divulgación científica vinculada a un feito astronómico singular e que estará a cargo dunha rianxeira especialmente brillante, Paula Cambeses Franco (doutoranda en Matemáticas pola USC) acompañada por José Ángel Docobo Durántez (catedrático de Astronomía da USC).
O festival Titiriberia volverá a Rianxo do martes 18 ao domingo 23 de agosto, pero haberá tamén outras propostas de teatro de rúa e infantil, como Ñiquiñaque, de Espectáculos Valente (23 de xullo), Máis saaabor!!, de Culturactiva (31 de xullo) ou A máquina do tempo das científicas, de Trémola Teatro (14 de agosto).
A vila vibrará os días 14 e 15 de agosto co festival Rock in Rian; nese mes haberá tamén un ciclo de monólogos (os xoves) da man de Quico Cadaval e Ernesto Calvo, entre outros.
No auditorio municipal poderanse ver dúas interesantes exposicións: a das obras seleccionadas no XIX Certame de Arte Isaac Díaz Pardo, da Deputación da Coruña (ata o 11 de xullo), e Tanxarina. 40 anos de monicreques (do 15 de xullo ao 3 de setembro), no marco do festival Titiriberia. Ademais a mostra Marionetas de Trécola poderá verse en diversos escaparates da vila nas mesmas datas.
Na presentación participaron tamén o concelleiro de Cultura, Julio Alcalde; Carlos Ces, presidente da asociación cultural A Moreniña e director do Rianxo Gaming; e Bernal Muíños, docente do curso de Big Band.
- El pub de Santiago donde empezaron Tosar y Zahera gana un Solete Repsol: 'De aquí ha salido gente que ha llegado muy lejos
- La respuesta de un barrio de Santiago al calor: 'Baixa a túa cadeira, algo de merendar e quedamos á fresca
- Éxito rotundo: la práctica totalidad de las 34 viviendas subastadas en Palmeira ya tienen dueño
- De Mazaricos a Trazo, Touro o Santa Comba: Galicia ya tiene 68 municipios con más vacas que vecinos
- Radiografía del lujo en Santiago: una veintena de viviendas a la venta por más de un millón de euros
- Boqueixón vende ya el equivalente a 850 bañeras de agua al día a Touro para asegurar la traída de centenares de vecinos
- El Monbus Obradoiro ata a Leo Meindl como primer fichaje para su regreso a la ACB
- Ames presenta el cartel de las fiestas de Bertamiráns y Milladoiro