Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Taberneiras, comerciantes, zapateiros... Boiro abriu as Festas do Verán honrando a quen o construíron durante xeracións

Representantes de negocios como Noemi, A de Lola, A Casa do Demo, A de Josefina ou a ferretería de Gerardo foron os protagonistas do pregón

Taberneiras, comerciantes, zapateiros... Boiro abriu as Festas do Verán honrando a quenes o construíron durante xeracións

Suso Souto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Boiro

O Concello de Boiro deu comezo este venres ás Festas do Verán 2026 por todo o alto co comercio tradicional da vila como colectivo homenaxeado este ano e protagonista do pregón.

A presentadora do acto, Leti da Taberna, recoñeceu a contribución destes negocios ao desenvolvemento económico, social e humano de Boiro ao longo de moitas xeracións.

Os protagonistas do pregón foron representantes de negocios como Noemi, A de Lola, A Taberna de María, A Taberna de Runs, A Casa do Demo, o bar Bocacho, A de Josefina, a ferretería de Gerardo ou o zapateiro.

Todos eles falaron da súa experiencia sacando adiante un negocio durante décadas, poñendo en valor o traballo diario de xeracións que contribuíron a construír un Boiro vivo e dinámico.

Esta homenaxe quixo poñer en valor o papel que desempeñan os pequenos establecementos no desenvolvemento dun pobo como Boiro e no seu día a día, non só como motores da economía local, senón como espazos de confianza, de atención personalizada e relación social.

“Eran lugares onde non só se vendían produtos ou se servían cafés, viños ou comidas; tamén se compartían historias, se facían amizades e se construía comunidade”, dixo a edil de Cultura, María Outeiral, na súa intervención.

O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu "o compromiso das xeracións que contribuíron a facer medrar Boiro" e resaltou a importancia de mercar no comercio local.

“Estes establecementos viron medrar xeracións e ofreceron, e seguen a ofrecer, moito máis que un produto ou servizo: son confianza, son proximidade, son humanidade e, en definitiva, son Boiro”, sinalou o rexedor.

O programa do primeiro día das festas continuou logo do pregón en tres escenarios distintos. Na Praza de Galicia, coa verbena a cargo de Capitol e Suavecito; no Parque da Cachada, coa Remember Fest; e na praza do centro social, con Curi&Soundivan.

En canto á xornada deste sábado, centos de persoas asistiron ao mediodía á tradicional Festa da Malla, que tivo lugar na Praza de Galicia, amenizada por Xilbarbeira e Aroña.

pregonboiro

José Ramón Romero, no centro, con Leti da Taberna, esquerda, varios edís e os protagonistas do pregón. / Cedida

Esta escenificación da antiga tradición agrícola da malla do centeo é unha das principais actividades das festas do verán de Boiro.

Veciños de varias aldeas (Mosquete, Coroño, Runs, Bermo...) manteñen viva esa tradición. As malles (como se chama aos paus articulados cos que os homes mallaban antigamente o centeo) volveron facer tremer o chan ante a atenta mirada de centos de curiosos.

Cada un ten o seu papel. Para as mulleres reservábase a parte estratéxica: protexían do vento a semente mallada cunha tea, barríana con escobas de xestas, cribábana nas peneiras...

Familias enteiras participaban naquela tarefa común, cando probablemente había máis conciencia de pobo que agora. A malla era un traballo comunitario, familiar e interxeracional.

Entre os protagonistas da escenificación deste sábado (organizada pola asociación A Abrañeira) estaban Leo, un neno que xa sabe moi ben en que consistía a malla do centeo, e Josefa, de 76 anos, que o sabe tamén... dende que tiña 15.

Pola tarde actuará a orquestra Finisterre Project e, á medianoite, na Praza de Galicia, será o agardado Tributo a Julio Iglesias , a cargo de Jorge Goes. Ortiga amenizará tamén a noite na Praza da Terceira Idade.

Pasarrúas da Charanga BB+ pola rúa peonil.

Pasarrúas da Charanga BB+ pola rúa peonil. / Cedida

Este domingo 5, pola mañá, haberá alboradas con Ar de Loureda; baile con Abeloura, Ballet Folclórico Boirense e Abanqueiro; pasarrúas da Banda de Negreira; e sesión vermú na rúa peonil con D’Crooners.

O plato forte da xornada dominical será o gran espectáculo piromusical na praia de Barraña; a verbena estará amenizada polas orquestras La Oca Band e La Banda de Ayer (na Praza de Galicia) e Balbina, coa Banda de Música de Boiro (na praza do centro social).

O luns 6, ao mediodía serán os Cantos de Taberna, con As da Boina e Mar de Cabo, e Peñas Boiro celebrará o Día das Peñas no Parque da Cachada. E, pola noite, Gramola Gominola actuará na praza do centro social, e as orquestras Gran Parada e Origen na Praza de Galicia.

O martes día 7 volverán ao mediodía os Cantos de Taberna con A Dorniña e Xoaniñas, e haberá pasarrúas de Treboada. Pola noite serán as orquestras Marbella e París de Noia as que protagonicen a verbena na Praza de Galicia, e Melidaos e Lumieira na Praza da Terceira Idade.

O mércores 8 os Cantos de Taberna correrán a cargo de Nunca é tarde e Ventos do mar, e a sesión vermú na rúa peonil estará amenizada por Duendeneta. Pola noite haberá un gran fin de festa con 9Louro na Praza da Mancomunidade; e verbena coas orquestras PanoramaAmérica Satélites na Praza de Galicia.

Tracking Pixel Contents