Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ANDAINA SOLIDARIA

Unha marea violeta volverá percorrer Ribeira para dar visibilidade ao alzhéimer

A décima edición dos Camiños da Memoria agarda reunir catrocentos participantes

Presentación da X Andaina Solidaria Os Camiños da Memoria.

Presentación da X Andaina Solidaria Os Camiños da Memoria. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ribeira

A solidariedade volve tomar forma de andaina en Ribeira coa décima edición dos Camiños da Memoria que promoven Agadea Alzhéimer e o Concello, coa colaboración do Club Sachacamiños.

A cita será o 28 de agosto, a partir das 20.00 horas, con saída dende o parque García Bayón. Trátase dunha iniciativa que agarda reunir 400 participantes que camiñarán xuntos formando unha marea violeta.

Sensibilizar, acompañar e visibilizar

"Dende o Concello de Ribeira apoiamos este tipo de accións que buscan que ninguén quede illado, especialmente os nosos maiores. Por iso, hai que continuar sensibilizando, acompañando e visibilizando o alzhéimer. Poñemos o foco en coidar, acompañar e non esquecer", afirmou o concelleiro de Servizos Sociais e Sanidade, Vicente Mariño.

Isabel Gey: "Detras de cada diagnóstico hai unha persoa"

A presidenta de Agadea Alzhéimer, Isabel Gey, e a psicóloga do centro de día de Ribeira, Alba Iglesias, explicaron os obxectivos desta andaina. Segundo Gey, "queremos lembrar que detrás de cada diagnóstico hai unha persoa, unha historia de vida e unha familia que precisa sentirse acompañada. Queremos que Ribeira se encha de violeta para visibilizar esta realidade e demostrar que somos unha comunidade comprometida, solidaria e que non esquece".

Oito quilómetros

O itinerario da andaina é semiurbano, de dificultade media-baixa e consta de 8 quilómetros, segundo explicou o representante do Club Sachacamiños, Manuel Castiñeiras. O reparto das camisetas comezará ás 18.30 horas e non faltará a música tradicional.

O prazo de inscricións abrirá en vindeiras datas de maneira telemática, se ben tamén se poderán formalizar no propio centro de día de Ribeira. O importe do dorsal é de 7 euros para colaborar nas accións que organiza Agadea.

Tracking Pixel Contents