Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

OBRADOIRO LUBIÁNS II

Máis de 500.000 euros para formar vinte persoas en Carballo e Coristanco

O alumnado realizará prácticas en centros sociosanitarios e executará actuacións de carpintería en espazos públicos

A delegada e os alcaldes co alumnado de instalacións de madeira.

A delegada e os alcaldes co alumnado de instalacións de madeira. / MIGUEL MIRAMONTES

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

O obradoiro de emprego Lubiáns II que comparten Carballo e Coristanco foi inaugurado este venres e permitirá formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas nas especialidades de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en Montaxe e instalacións de construcións de madeira.

Os alumnos-traballadores desenvolverán oito actuacións. No ámbito da atención sociosanitaria, as prácticas levaranse a cabo en distintos centros e entidades de referencia da comarca, grazas á colaboración coa Residencia de Persoas Adultas de Aspaber, a Asociación Íntegro de Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte, o Centro de Día para Persoas Maiores de Carballo e o Centro de Día para Persoas Maiores da Laracha, ambos dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Nestes recursos, o alumnado completará a súa formación práctica prestando apoio na atención e coidado das persoas usuarias, sempre baixo a supervisión do persoal especializado.

As autoridades durante a visita ás alumnas da especialidade de atención sociosanitaria.

As autoridades durante a visita ás alumnas da especialidade de atención sociosanitaria. / MIGUEL MIRAMONTES

Pola súa banda, o alumnado da especialidade de Montaxe e instalación de construcións de madeira os alumnos executarán a renovación, acondicionamento e execución de elementos de carpintería de madeira nas dúas construcións existentes no Horto Ecolóxico de Carballo; a fabricación e colocación do mobiliario interior do mercado municipal de Carballo; a construción e instalación de elementos de carpintería de madeira nunha pista multideporte situada na Praza de Santa Marta, en Coristanco; e a fabricación e colocación do material de cubrición, falso teito e remates da cuberta do palco da música da mesma praza.

O programa conta cun investimento autonómico de máis de 501.000 euros, dos cales 47.000 son para 10 incentivos que consisten en 3.000 euros para as empresas por persoa contratada e outros 1.500 para o concello por cada inserción alcanzada.

A delegada da Xunta e os alcaldes, no centro, no acto inaugural do obradoiro.

A delegada da Xunta e os alcaldes, no centro, no acto inaugural do obradoiro. / MIGUEL MIRAMONTES

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, e polos alcaldes de Carballo, Daniel Pérez, e Coristanco, Juan Carlos García, participou no acto inaugural e destacou que este programa constitúe "unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade dos participantes, adquirir experiencia profesional e obter unha cualificación que facilite a súa incorporación ao mercado laboral".

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, agradeceu o investimento da Xunta e destacou a obriga das institucións de "dotar de oportunidades ás persoas: oportunidade para emprender, para reorientar a vida laboral... e este obradoiro é unha oportunidade para vós", dixo, dirixíndose ao alumnado.

Unha aplaudida colaboración

Pola súa banda, o rexedor de Coristanco, Juan Carlos García, amosouse profundamente emocionado por dar continuidade a este proxecto común. "As persoas maiores tamén soñamos, e aos servidores públicos ás veces cúmprensenos os soños. Nós soñabamos con ter un obradoiro e iso foi posible dende o ano pasado. Carballo podería presentarse só, pero optou por este proxecto en común".

Nese sentido, quixo dedicar un sentido recordo a Evencio Ferrero por sentar as bases de dita colaboración. García subliñou que os traballos que vai realizar o alumnado "son actuacións que poderíamos comprar, pero non terían o mesmo valor emocional", e aplaudiu que a Xunta de Galicia prime as iniciativas que nacen dende a unión de concellos.

"Carballo podería camiñar só, pero o importante é camiñar xuntos para ofrecer esas oportunidades á veciñanza", insistiu o alcalde de Carballo, que tamén tivo palabras de agradecemento para o persoal administrativo e o profesorado.

Nesta mesma liña, o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, sumouse a destacar a excelente sintonía co Concello de Coristanco e lanzou unha mensaxe directa aos participantes: "O único que pedimos é que aproveitedes ao máximo esta oportunidade, porque a experiencia dinos que a xente que pasa por aquí acaba con traballo".

Tres obradoiros na Costa da Morte

A representante autonómica puxo en valor a aposta do Goberno galego polos obradoiros de emprego, unha liña de actuación que permitirá este ano desenvolver preto dun cento de programas en toda Galicia, cun investimento de 48,1 millóns de euros para formar a arredor de 2.000 persoas sen emprego.

Na provincia da Coruña están aprobados 20 obradoiros de emprego, cun investimento próximo aos 10 millóns de euros e dos que se benefician preto de 400 alumnos e alumnas.

No caso da Costa da Morte, a Xunta financia 3 obradoiros de emprego cun orzamento de case 1,5 millóns de euros, que permitirán formar a 60 persoas desempregadas. Ademais do promovido por Carballo e Coristanco, participan nesta iniciativa os talleres promovidos por Laracha e por Vimianzo con Camariñas e Muxía.

Tracking Pixel Contents