Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Boiro destina 70.000 € a axudas sociais para adaptación de vivendas, respiro familiar e conciliación

Poden cubrir ata o 100% do gasto subvencionable, cos límites máximos de 1.100 ou 1.800 euros, segundo a finalidade

Raúl Treus, esquerda, e José Ramón Romero.

Raúl Treus, esquerda, e José Ramón Romero. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Boiro

O Concello de Boiro convoca unha liña de axudas económicas extraordinarias destinada a atender situacións de necesidade social para adaptación de vivendas en materia de accesibilidade ou para persoas con dependencia, así como para servizos de respiro familiar ou de conciliación.

O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Política Social, Raúl Treus, presentaron as axudas.

Esta convocatoria realízase no marco do POS+ de gastos sociais extraordinarios da Deputación da Coruña. “Estas axudas, financiadas pola Deputación da Coruña, permítennos contribuír a axudar as familias de Boiro en gastos de accesibiliade das súas vivendas” afirmou o concelleiro Raúl Treus.

Estas axudas están destinadas a membros de unidades de convivencia con recursos económicos insuficientes para cubrir os gastos necesarios para previr, evitar ou paliar situacións de exclusión social. As axudas teñen unha dotación económica total de 69.624,50 euros que se van repartir entre tres liñas.

A primeira das liñas está destinada a prestar axudas económicas para a realización de pequenas reparacións ou reformas da vivenda en relación coa accesibilidade; a segunda está destinada á adaptación funcional da vivenda para persoas en situación de dependencia; e a terceira é para financiar servizos de respiro familiar e conciliación de vida laboral e familiar.

En canto aos gastos subvencionables vanse financiar actuacións como a substitución de bañeira por prato de ducha accesible; instalación de barras de apoio en baños e outras estancias; colocación de pasamáns en corredores ou escaleiras; eliminación de chanzos en pequenas ramplas; ensanche de portas para facilitar o paso dunha cadeira de rodas; adaptación de aseos para persoas con mobilidade reducida; melloras que permitan o acceso seguro á vivenda; pequenas obras destinadas a eliminar barreiras arquitectónicas; ou substitucións de chans por outros antiesbaradizos.

As axudas poden cubrir ata o 100% do gasto subvencionable co límite máximo de 1.800 euros para as liñas 1 e 2 e ata 1.100 euros para a liña 3.

“O Concello de Boiro volve ser pioneiro en materia de axudas sociais, primeiro coa adquisición de medios técnicos para cesión e agora con axudas directas para adaptar as vivendas a situacións de necesidade por dependencia”, sinalou o alcalde.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de outubro ou ata que se esgote o crédito dispoñible. As bases e toda a documentación están dispoñibles na web municipal.

Tracking Pixel Contents