Centos de embarcacións saíron engalanadas en procesión para honrar a patroa da xente do mar
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou nos actos celebrados en Aguiño

Marta Villaverde realizando a ofrenda floral no mar, en Aguiño. / Cedida
Cada 16 de xullo conmemórase o día da Virxe do Carme, patroa da xente do mar; unha data con especial relevancia para os pobos costeiros. Na súa honra, centos de embarcacións saíron engalanadas en procesión en diversas localidades costeiras, nas que se celebraron tamén actos relixiosos con procesións por terra.

Embarcacións participantes na procesión marítima de Aguiño. / Cedida
En algunhas localidades, como Ribeira e Rianxo, este xoves é festivo local.
Na localidade ribeirense de Aguiño oficiouse unha misa no templo parroquial ás 11.30 horas, seguida da procesión terrestre ata o peirao, e da marítima, na que centos de persoas puideron participar a bordo dun catamarán, sumándose ás decenas de lanchas e barcos de pesca.

Marta Villaverde, flanqueada por José Antonio Santamaría, esquerda, e José Antonio Pérez. / Cedida
Á altura da Forcadiña fíxose a ofrenda floral en recordo de todas as persoas falecidas no mar. Nos actos celebrados en Aguiño participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, xunto á alcaldesa, María Sampedro, e os patróns maiores de Ribeira (José Antonio Pérez) e Aguiño (José Antonio Santamaría).

Procesión polas rúas de Aguiño. / Cedida
Durante a xornada, a titular de Mar destacou "o carácter estratéxico dun sector que é motor económico de Galicia" e manifestou o seu recoñecemento a todo o colectivo marítimo-pesqueiro polo seu labor, "que sitúa a comunidade como referente internacional".
Villaverde subliñou que "o mellor xeito de honrar as xentes do mar é seguir traballando dende as administracións para garantir a súa viabilidade e o seu futuro, un obxectivo prioritario no que a Xunta está plenamente implicada".
As parroquias de Corrubedo e Palmeira tamén celebrarán este xoves pola tarde a súa homenaxe á Virxe do Carme con misas e procesións.
O Concello de Ribeira dedicará o día un de agosto á patroa da xente do mar, ao abeiro da axenda das festas do verán. A misa solemne será cantada pola Coral do Círculo Mercantil de Ribeira, ás 18.30 horas, na lonxa. Despois, sairá a procesión marítima e terrestre coa actuación das Cantareiras de Amas de Casa de Ribeira, na lonxa.
A parroquia de Castiñeiras fará o propio durante os seus festexos patronais, na penúltima semana de agosto.
Tamén en Noia, Muros, Rianxo ou Cabo de Cruz (Boiro) houbo procesións marítimas este xoves.
- Las mejores orquestas de Galicia se reúnen a media hora de Santiago esta semana: Panorama, París de Noia, Los Satélites y Olympus en una fiesta de cinco días
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- 50 familiares, varias generaciones y un mismo apellido: la familia Blanco vuelve a reunirse en A Estrada
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- “Padrón es el pueblo donde más vendemos”: madrugones, tradición y oficio en el mercado dominical
- La orquesta gallega que sale al escenario sin saber qué canciones tocará: 'El público decide la verbena
- Nace una nueva comisión de fiestas en Santiago para 'facer cidade': 'Queremos recuperar ese espíritu das grandes festas populares