Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Feira Medieval en Noia, Carrilanas de Esteiro e Festa da Dorna en Ribeira: tres citas para non perderse esta fin de semana

A troula comeza este venres co desfile do facho dorneiro, o espectáculo de bandeiras na vila noiesa e o festival musical en Muros

Imaxe dunha anterior edición do Gran Prix das Carrilanas de Esteiro.

Imaxe dunha anterior edición do Gran Prix das Carrilanas de Esteiro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ribeira

Non hai rincón de Galicia que non teña unha cita lúdica marcada en vermello no seu calendario estival. Unhas ao redor da gastronomía; outras, a o son da boa música; e todas coa diversión no epicentro.

En Ribeira bota a andar este ventes a 78º Festa da Dorna co desfile do facho dorneiro (ás 11.00 horas). Pola noite haberá queimada na Praza da Porta do Sol, e a música tomará as prazas da cidade con sesións a cargo dos DJ's Tito Maverick, Iván Rbeira, Landeira, CT, Mateo Abelleira e Anxo Sobrido.

O sábado 18 será o Orjullo Jaiteiro, desde as 11.00 horas, a cargo de Borja & Cía, Os Liantes, Suabesebe, Enxebres de San Lázaro, Tahúme, Laghareu, Trécola, Riparia, Río de Anxo, la banda de gaitas Estivada de Calo e Os Festas.

Pouco despois será a Xuntansa de embarcacións tradisionais e, pola tarde, unha nova edición dos Xojos populares de terra, en Coroso.

O domingo 19 celebrarase o Jran prix de carrilanas (18.30 horas), e pola noite terá lugar o concerto de De Ninghures na Praza da Porta do Sol, no marco do festival Rockandorna.

Todo iso de momento, porque a troula dorneira seguirá en Ribeira ata o venres 24.

Tamén este venres comeza en Noia ás 17.00 horas a Feira Medieval, coa apertura dun mercado (no Peirao do Marqués) con 220 postos de artesanía, alimentación e animación e dun campamento medieval.

Ás oito da tarde representarase no Peirao do Marqués o histórico desembarco de 1147, cando as naves británicas encabezadas polo monxe Arnulfo arribaron ao porto de Noia antes de continuar a súa peregrinación cara a Compostela.

Ás once da noite será o primeiro dos desfiles (terán lugar tamén o sábado e o domingo) dos Abandeirados da Toscana, recoñecidos internacionalmente polas súas exhibicións de bandeiras históricas.

O programa inclúe tamén as tradicionais xustas de cabaleiros, que nesta edición incorporarán novos contidos e representacións. As primeiras serán o sábado ás 20.30 horas.

Pola súa banda, a exhibición de cetrería trasladarase aos xardíns de Felipe de Castro, buscando un espazo máis axeitado e con mellores condicións para o benestar das aves.

E o Festival das Carrilanas ambientará durante toda a fin de semana a localidade muradá de Esteiro, onde o domingo será o XXXVI Gran Prix das Carrilanas.

A entrada ao festival musical será de balde, pero con acceso prioritario para os socios da entidade organizadora. Este venres actúan Baiuca, 9louro, De Ninghures, Kike Varela e Moe DJ; o sábado, The Rapants, Treixadura, Familia Caamagno, Señora DJ, Alddara, Xián Pais; e o domingo, a Orquesta Neverlousa e Mekánika Rolling Band.

En canto á baixada de carrilanas, desenvolverase na costa do Maio, cun circuíto de 2,5 quilómetros.

O primeiro día da festa, o venres 17, xa se poden ver as primeiras carrilanas polas rúas de Esteiro. O sábado comezan as primeiras probas e ás sete da tarde dispútase a pole position, na que se deciden os postos de saída da carreira final.

O domingo, día grande desta Festa de Interese Turístico Nacional, ás sete da tarde será a primeira carreira, na que compiten os máis pequenos. Media hora despois será o turno dos vehículos lentos, os que antepoñen a exhibición dos seus orixinais deseños en detrimento da velocidade.

Logo será a entrega de premios na alameda, con galardóns para os campións; para as carrilanas máis fermosa e mellor engalanada; para os pilotos que leven os disfraces máis orixinais; para a carrilana do ano; e para o equipo que reúna as condicións máis singulares.

TEMAS

Tracking Pixel Contents