Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A arte da diversidade en clave feminina: Ambar promove a arquitectura social en Ribeira

O grupo Mulleres Artistas desenvolveu o proxecto Barrio, convertendo vivendas en fogares a través do linogravado

Javier Jubera, con algunhas das integrantes do grupo Mulleres Artistas, de Ambar, traballando no proxecto Barrio.

Javier Jubera, con algunhas das integrantes do grupo Mulleres Artistas, de Ambar, traballando no proxecto Barrio. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ribeira

A plena integración non ten barreiras. Non debe telas. Na asociación de persoas con diversidade funcional Ambar, de Ribeira, promóvese de xeito transversal, abrindo camiños no eido laboral, no social, no educativo, no deportivo, no cultural...

Avanzando nesa liña, a entidade que preside Milagros Rey creou hai uns anos o grupo Mulleres Artistas, formado por once usuarias con diversidade funcional.

Un grupo de artistas que xa demostraron en varias ocasións o seu talento nos escenarios e que nas últimas semanas levaron a cabo un novo e ilusionante proxecto, denominado Barrio.

A iniciativa estivo dirixida polo ilustrador Javier Jubera (Logroño, 1982) e desenvolveuse no Museo do Gravado, que cedeu as instalacións e maquinaria para poder levar a cabo un obradoiro de Ilustración e linogravado.

Javier Jubera leva anos desenvolvendo o seu labor profesional entre Madrid, Galicia e Logroño e compaxina a súa faceta artística, expoñendo a nivel nacional e internacional, coa ilustración. Ademais, publica en medios como Boston Globe, Forbes e Harper´s Bazaar, entre outros, e é profesor de gravado, ilustración e artes do libro.

No marco deste proxecto, o grupo Mulleres Artistas da asociación Ambar, traballou sobre os conceptos de vivenda e fogar.

Mulleres Artistas está formado por Elena Pérez, Esperanza Silva, María Eugenia Reriz, Marina Mondelo, Milagros Creo, Miryan Paz, Mónica Rial, Montse Queiruga, Sonia Alonso, Victoria Piñeiro e Raquel Hernández.

O proxecto Barrio parte do concepto do ideal de fogar. Segundo o artista, as cidades non son só unha suma de edificios e de casas, senón, sobre todo, un conxunto de relacións sociais desenvoltas polos seus habitantes.

"As casas son edificacións destinadas para seren habitadas; nelas desenvólvense as circunstancias do día a día, a vida social ou familiar. Serven de refuxio contra os fenómenos meteorolóxicos, a calor, o frío... Nelas, cómese, dúrmese e, en definitiva, vívese", explica.

A partir disto, a idea para a actividade Barrio era a creación dun barrio como tal, convertendo estas once mulleres protagonistas en arquitectas, para ilustrar unha comunidade de veciñas que o van habitar.

A actividade desenvolveuse mediante a técnica do linogravado; despois de debuxar o que paras elas significa o fogar, tallaron as pezas de linóleo que posteriormente se estamparon en papel de xeito individual.

Como complemento á actividade e querendo ir máis alá co concepto de barrio, estas arquitecturas estampáronse tamén en teas de xeito grupal, construíndo así ese barrio ideal listo para inaugurar e habitar.

Ademais de ser unha actividade para fomentar a creatividade, Barrio transformarase nunha exposición que verá a luz, xunto con outras pezas, o vindeiro ano.

"Dende a área de Arte da asociación Ambar levamos tempo realizando accións formativas en técnicas gráficas coas persoas usuarias pertencentes ao grupo Mulleres Artistas. Querendo sumar técnicas para formar este grupo de mulleres, poñemos en marcha agora o proxecto Barrio, grazas á financiación da Consellería de Política Social e da Unión Europea, no marco do programa Fondo Social Europeo", sinala Manu Mimé, responsable do obradoiro de Arte de Ambar.

Integrantes do grupo Mulleres Artistas, con Ana Barreiro, esquerda; Milagros Rey, centro; Jabier Jubera e Manu Mimé, ao fondo; Vicente Mariño e Javier Expósito, dereita.

Integrantes do grupo Mulleres Artistas, con Ana Barreiro, esquerda; Milagros Rey, centro; Jabier Jubera e Manu Mimé, ao fondo; Vicente Mariño e Javier Expósito, dereita. / Cedida

Na presentación do resultado deste proxecto participaron tamén este venres o tente de alcalde, Vicente Mariño; a edil de Cultura, Ana Barreiro; a presidenta de Ambar, Milagros Rey; o vicepresidente da Fundación Museo do Gravado de Ribeira, Javier Expósito; o director do museo, Pastor Rodríguez; os artisras Javier Jubera e Manu Mimé; e as integrantes do grupo Mulleres Artistas.

Tracking Pixel Contents