Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un libro e unha mostra de fotos repasan historias do fluxo migratorio entre América e O Porto do Son

José Manuel Vázquez Lijó e Raúl Soutelo Vázquez fixeron un documentado traballo de investigación

Rexistro dunha nai e dous fillos emigrados desde Ribeira a Bos Aires en 1930.

Rexistro dunha nai e dous fillos emigrados desde Ribeira a Bos Aires en 1930. / Raúl Soutelo Vázquez e José M. Vázquez Lijó

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
O Porto do Son

O Museo Marea do Porto do Son acolleu este venres a inauguración da exposición A memoria da emigración nas familias do Porto do Son e a presentación do libro Sonenses en América e americanos en Porto do Son (séculos XIX e XX).

No acto participaron o alcalde, Luís Oujo; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o director do citado museo, José Manuel Vázquez Lijó, comisario da mostra e coautor do libro xunto a Raúl Soutelo Vázquez (profesor de Xeografía de Galicia, do IV Ciclo da USC), que tamén estivo na inauguración.

José Manuel Vázquez Lijó, esquerda, na presentación do libro, charlando con

José Manuel Vázquez Lijó, esquerda, na presentación do libro, charlando con Roberto do fogueteiro. / Cedida

A exposición de Vázquez Lijó está formada por máis dun cento de fotos e documentos (postais, cheques, cartas, permisos consulares...).

Antonio Rodríguez Miranda destacou que "a memoria da emigración é tamén a memoria das familias que fixeron Galicia dende os dous lados do Atlántico", e subliñou que "obras e exposicións como estas permiten recuperar e preservar un patrimonio humano que forma parte da identidade colectiva de Galicia".

“Cada fotografía, cada carta e cada historia familiar forman parte dun patrimonio colectivo que temos a responsabilidade de conservar e transmitir ás novas xeracións”, engadiu.

Miranda lembrou que "concellos costeiros como O Porto do Son mantiveron historicamente unha estreita relación coa emigración" e que "milleiros de veciños construíron unha nova vida en países como Arxentina, Uruguai, Cuba ou Venezuela, sen perder nunca o vínculo coa súa terra de orixe".

"Foron eles quen levaron Galicia polo mundo, quen mantiveron viva a cultura e quen contribuíron tamén ao progreso das comunidades que os acolleron", dixo.

En canto ao libro, é unha historia da emigración dos e das sonenses en América e noutras latitudes, cunha especial atención á época da emigración transoceánica masiva (1850–1930).

Portada do libro 'Sonenses en América e americanos en Porto do Son (séculos XIX e XX)'.

Portada do libro 'Sonenses en América e americanos en Porto do Son (séculos XIX e XX)'. / Cedida

Trátase dunha documentada viaxe que convida a botar tamén unha ollada atenta ás migracións da posguerra europea (de 1946 en diante) sen deixar de considerar os seus efectos e pegadas na actualidade.

Pero a obra de Vázquez Lijó e Soutelo Vázquez é moito máis que unha historia local ou comarcal. De entrada, os autores xogan de maneira flexible e ás veces creativa coa demarcación xeográfica que estudan: poderíase concluír que, en realidade, estudan as migracións barbanzás en América, aínda que cunha énfase especial no concello do Porto do Son, ao que ambos os dous están ligados.

Sociedad Hijos del Puerto del Son

O libro é froito dun proxecto que se xestou hai máis dun lustro tendo en conta a proximidade de dúas efemérides: os centenarios das sociedades de Hijos del Puerto del Son en Avellaneda (Bos Aires) e Villa del Cerro (Montevideo), que Vázquez Lijó visitou para facer a investigación.

Cheque emitido por Ramón Sieira desde Nova York en 1920 a favor da súa nai. Manuela Hermida Rodríguez (Manola de Arturo)

Cheque emitido por Ramón Sieira desde Nova York en 1920 a favor da súa nai. Manuela Hermida Rodríguez (Manola de Arturo) / Cedida por Manuela Hermida Rodríguez (Manola de Arturo)

Grazas a unha axuda da Secretaría Xeral da Emigración, no outono de 2018 os autores desta obra dixitalizaron parcialmente o arquivo histórico da devandita entidade arxentina. Lamentablemente, non tiveron acceso á documentación histórica, quizás perdida para sempre, da súa sociedade irmá no Uruguai.

A través dese traballo de investigación o lector pode coñecer a adaptación de labregos, mariñeiros e artesáns ás novas situacións que encontraron, dende a viaxe ata a integración na sociedade receptora.

Construíndo identidades

Unha adaptación que determinou a súa percepción desas novas realidades, mais tamén a construción da súa propia identidade nun proceso dinámico que coñecemos, ao menos parcialmente, a través das fotos e da correspondencia familiar que os autores puxeron en valor e intentaron interpretar axeitadamente.

Por la izquierda, Antonio Rodríguez Miranda, Luis Oujo y José Manuel Vázquez Lijó, en la presentación del libro.

Pola esquerda, Antonio Rodríguez Miranda, Luís Oujo e José Manuel Vázquez Lijó, na presentación do libro. / Cedida

No tocante ao papel das mulleres, da análise de todo este conxunto de fontes conclúese que a participación das sonenses na emigración a América estivo determinada por varios factores.

"O primeiro factor foi a súa posición relativa nas familias de procedencia e, nomeadamente, a existencia de irmáns varóns no caso das fillas e mozas solteiras, porque foron os que marcharon con preferencia", explican os autores do libro.

Mirtha e Esther Tarela Pensado, fillas de sonenses nadas na provincia de Bos Aires.

Mirtha e Esther Tarela Pensado, fillas de sonenses nadas na provincia de Bos Aires. / Cedida por Rafael Pérez Tarela

"O segundo factor atinxe ao tipo de proxecto migratorio que desenvolveron os pais e maridos, porque adoitaron reclamar as súas donas e fillas para reunificar a familia cando decidiron establecerse definitivamente alá", engaden.

"Esa ausencia dos homes provocou unha intensificación dos traballos femininos nas explotacións agrarias e nas casas, mais aumentou tamén a autonomía decisoria das mulleres casadas con maridos ausentes", indican.

"A relación mulleres-migracións no contexto sonense ben merece unha monografía específica que temos en mente elaborar a medio prazo", anuncian.

José Manuel Vázquez Lijó conversando con 'Roberto do fogueteiro'.

José Manuel Vázquez Lijó conversando con 'Roberto do fogueteiro'. / Raúl Soutelo

Por suposto, a memoria viva ten tamén a súa importancia neste proxecto, grazas a persoas como Roberto do fogueiteiro, de 97 anos, quen, coa súa prodixiosa memoria, é un dos principais colaboradores das pescudas que leva desenvolvido José Manuel Vázquez Lijó para recuperar a memoria colectiva do Porto do Son dende que asumiu a dirección do Museo Marea e comezou a desenvolver proxectos de investigación.

Unha fugaz estrela do cinema mudo

Foron moitas as historias que tiveron un forte impacto emocional nos autores do libro. José Manuel Vázquez destaca dúas. Unha delas é a da sonense Lidia Liss, que sendo orfa emigrou a Arxentina, onde chegou a ser "unha estrela fugaz do cinema mudo". "Participou en varias películas, pero non deu o paso ao cinema sonoro. Morreu sen pena nen gloria", explica.

A outra historia que destaca é a de Juan Carou e a súa dona, Leliña. Ela quedou no Porto do Son; el emigrou a Cuba, Ohio e Montevideo, de onde volvería enfermo de tuberculose. Fracasaron no económico, pero viviron unha potente historia de amor", sinala.

TEMAS

Tracking Pixel Contents