As tropas dorneiras avanzan en Ribeira por terra, mar e aire
Milleiros de persoas gozan este luns dos aloucados artefactos do Jran Premio Ícaro de Voo sen Motor
Dende un portaavións ata unha carta para a alcaldesa: troula, retranca e creatividade no ecuador da Festa da Dorna

Suso Souto
A Festa da Dorna de Ribeira chegou este luns ao seu ecuador. A troula, a retranca e a creatividade están no ADN dos dorneiros e dorneiras, que nesta cuarta xornada conquistaron a dársena tirándose á auga a bordo de aloucados artefactos.
No Jran Premio Ícaro de voo sen motor participaron este ano 34 peñas. Os nomes das agrupacións que dan vida a esta festa xa din moito do sentido do humor que a caracteriza: Ollomol en formol; As marajotas van de copas; Lorchos, lerchas e vivecersa; Xarda Sivil...

Unha das peñas participantes no 'Jran Premio Ícaro de voo sen motor'. / Suso Souto
Dende a plataforma instalada no peirao comercial as peñas foron saltando á auga en dispositivos tan sinxelos como unha carta de cartón (da peña Juiston de batea), dirixida á alcaldesa, ata o espectacular portaavións TF-10, de Tocando fondo, que mesmo disparou un mísil sobre a dársena.

Carta de 'Visente Brutus Marítimo' para a alcaldesa, coa que participou a peña Juiston de batea. / Suso Souto
Os de Si sarjo me lirio voaron sobre o dragón Sarjatar, avatarizados de azul; os de Quenlla dera, baixo unha xigante pamela (a Pamela Anderson); e os de Tabeiróns caralludos, na casiña rosa de Bud Bunny.

Os de Si sarjo me lirio voaron sobre o dragón Sarjatar, 'avatarizados' de azul. / Suso Souto
Había que saltar, e saltaron. Había que voar, e voaron. Había que mollarse, e molláronse.
Con máis ou menos horas de voo foron amarando dende unha lata de conservas ata o Indirigible Sepelín, pasando por unha lata de Dorna Bull (da peña Estou que eskacho) ou unha nave con sombriña e silla de praia.

Asistentes ao espectáculo das 'embarcasións feitas á machada'. / Suso Souto
As Marajotas van de copas renvindicaron o festivo local para a o día central da Festa da Dorna, unha das asignaturas nas que moitos dorneiros e dorneiras suspenden o actual Goberno local e que este ano está sendo obxecto de moita sorna.
E, por suposto, o gran éxito mundial da Selección Española de Fútbol tamén tivo eco nesta divertida cita: A boia do mundo é nosa, era o título do artefacto no que saltaron os peñeiros de Non vexo a boia.

A casiña de Bud Bunny de Tabeiróns caralludos. / Suso Souto
Este luns as tropas dorneiras avanzaron por terra , mar e aire, ampliando o imperio desta Festa de Interese Turístico de Galicia. Pero a troula ten mecha aínda, e queda moito por conquistar ata o venres.
Este martes é a Jran final do sertamen itinerante de cansión de tasca, e pola noite haberá concerto da orquestra Neverloura no Malecón.

A Pamela Anderson de Quenlla dera. / Suso Souto
O mércores pola noite será a Batalla dos jallos dorneiros, e o xoves o Exame de patróns, no que as patroas e os patróns das novas peñas que queiran pasar a formar parte da familia dorneira deberán superar varias probas.
E o venres, ás tres da tarde, na praia de Coroso, celebrarase outra das citas máis agardadas: a Rejata Cutre Shark de embarcasións feitas á machada e propulsadas a pan de millo.